Tony nos xardíns de Kensington

Os procesos migratorios foron sempre un dos tópicos sobre a identidade galega, cantados moitas veces nesa épica contemporánea que é a narrativa, dunha forma que resaltaba o esforzo ou as aventuras dos individuos que os acometeron. 
390 Libros
photo_camera Retrato de Xesús Fraga. (Foto: Nós Diario).

Unha perspectiva que vai mudando cos anos, en parte polo propio avance dos seus ciclos: a emigración permanece como unha necesidade económica para moita da nosa mocidade, pero a súa faciana mudou a respecto das últimas ondas masivas que lembrabamos. Tamén porque os novos tempos son menos dados a esa épica, e pode ser o momento ideal para que aparezan as historias alternativas, aquelas que aconteceron nas marxes ou as que cuestionan como todas esas experiencias en países distantes afectaron a nosa identidade.

Virtudes (e misterios) | Xesús Fraga | Galaxia | 2019 | 368 páxinas | 19,70 euros

Virtudes (e misterios) desvélanos parte do seu contido no título. Virtudes é a avoa de Xesús Fraga, e a súa historia como esposa abandonada cabería naquel "viúva de vivo" que se dicía nos tempos de Rosalía. 

O seu home marcha a Venezuela e deixa de dar novas aos poucos anos, coincidindo coa decisión dela de abordar tamén a aventura da emigración noutro país. Virtudes, que axiña será mellor coñecida como Betty, chega a Londres nos anos sesenta. Faino aventurándose nas contradicións coa lexislación franquista (para a que unha muller soa non ten apenas dereitos, tampouco o de migrar) e comeza con iso, case sen sabelo, unha longa relación co país británico que acabará marcando a toda a súa familia.

O propio Xesús Fraga, nacido por acaso na capital de Inglaterra, é un produto desa historia que vai acompañando tamén o paso das distintas xeracións familiares. Nun estilo elegante, aínda que por veces abuse un pouco das voltas e deixe agromar unha leve afectación, o autor enfróntanos a unha historia familiar acompañada de fotografías que nos conta e sobre as que se cuestiona os seus moitos baleiros.

Máis que un libro de memorias, esta obra é unha auténtica proba de lume para un novelista como Xesús Fraga. Porque é nesa media distancia entre as regras da memoria e as regras da ficción que, como menciona varias veces o autor, se producen as maiores dificultades para contar estas historias, coincidencias e xiros sorprendentes incluídos.

O autor das mariñas coruñesas e Londres, o mesmo que un día foi chamado polo nome de Tony nas rúas de Kensington, asina unha novela memorialista sobre os fantasmas que cargamos connosco, eses outros que non chegamos a ser porque os nosos mudaron de idea ou de país e que hoxe nos chaman por esas outras rúas luminosas da fantasía. Unha das súas creacións máis persoais e mellor logradas.

Máis en Libros
Comentarios