Zelenski ofrece a Rusia unha tregua parcial ao suspenderse a axuda militar dos Estados Unidos
A segunda feira, o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, reaccionara á proposta de Francia dunha tregua limitada na guerra con Rusia ratificando a súa negativa a menos que contase con “garantías de seguridade serias”. A terza, e despois de comezar a implementación da cancelación da axuda militar estadounidense, propuxo un alto o fogo parcial por mar e aire e a liberación dos prisioneiros “se Rusia está disposta a facer o propio”.
Con posterioridade, “queremos movernos moi rapidamente a través das seguintes fases e traballar cos Estados Unidos para acordar un pacto final forte”, pormenorizou, ademais de facer énfase na disposición a "traballar baixo o firme liderado do presidente [dos Estados Unidos Donald] Trump para lograr unha paz duradeira".
Nesa liña, Zelenski admitiu que “é lamentábel” que a reunión en Washington a pasada sexta feira acabara así, agradecendo de novo ao país americano a axuda prestada e aseverando que están listos “para chegar á mesa de negociacións o antes posíbel”, e remarcou a súa vontade de rubricar o acordo de minerais pendente logo da súa marcha apresurada da Casa Branca.
Após esa xuntanza, na que Trump reprendeu o líder ucraíno por non estar disposto a avanzar cara a un acordo de paz, o que repetiu esta semana logo de seguir demandando Kíiv que Washington brindase garantías de seguridade para aceptar a fin das hostilidades, na madrugada da terza feira unha fonte da Casa Branca informou de que Trump puxo “en pausa” a axuda militar a Ucraína, posto que precisa que “todos os nosos socios estean comprometidos” coa fin do conflito.
En todo caso, James David Vance, vicepresidente estadounidense, fixo fincapé en que o pacto de minerais é a única garantía que ofrecerán a Kíiv, criticando países europeos por forzar a continuación dun conflito que “as súas poboacións están dicindo que non financiarán de forma indefinida”.
Aínda que a Intelixencia do país eslavo sostén que contan con reservas de armas para continuar loitando durante seis meses, no anuncio estadounidense non quedou claro se tamén ficaría suspendida a colaboración entre os departamentos de Intelixencia de ambos os dous países, algo determinante para os militares ucraínos.
En todo caso, Rusia adiantara que non aceptará un alto o fogo antes de fechar "acordos aceptábeis", despois de retirar as súas tropas da contorna da capital ucraína en marzo de 2022, un mes despois do inicio da invasión, no marco de negociacións de paz con Kíiv que finalmente non frutificaron.
No contexto das presións do equipo de Trump a Zelenski para abrirse a negociar a paz ou renunciar, un dos aliados do líder estadounidense, Elon Musk, porfiou en que “se lle debería ofrecer algún tipo de amnistía nun país neutral a cambio dunha transición pacífica de regreso á democracia en Ucraína”.
800.000 millóns de euros en gasto militar na UE
O plan Rearmar Europa, que o liderado dos estados membros da Unión Europea (UE) tratará a quinta feira no Consello Europeo, “podería mobilizar perto de 800.000 millóns de euros de gasto en defensa para unha Europa segura e resiliente”, subliñou a terza feira Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, que explicou a nivel xeral a proposta, que xustificou en que “estamos nunha era de rearme” e na necesidade a “longo prazo de asumir máis responsabilidade pola nosa propia seguridade”.
A iniciativa engloba 150.000 millóns de euros en préstamos para gasto militar aos membros a través dun “instrumento financeiro”, mais non detallou a súa procedencia, se implicaría a emisión de nova débeda conxunta ou o uso dos arredor de 100.000 millóns de euros dos fondos de recuperación da Covid-19 que aínda non foron asignados. Isto permitiría “reducir os custos” con compras conxuntas de armamento que se podería entregar de “inmediato” a Ucraína, incidiu.
Tamén defendeu unha exención nos límites de déficit e débeda para os estados que eleven o gasto en defensa 1,5% do produto interior bruto, o que “podería crear un espazo fiscal de cerca de 650.000 millóns de euros nun período de catro anos”, afirmou.
Isto facilitaría que a meirande parte dos países da UE, que tamén son membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), cumpran coas exixencias de incrementar o gasto militar feitas polos Estados Unidos, que tamén avanzaron que minimizarán o seu papel na defensa dos membros europeos da alianza.
A defensa da UE, "en consonancia coa OTAN"
Outro dos puntos da idea é a posibilidade de que os membros usen os fondos de cohesión –orientados a reducir as desigualdades entre as rexións do bloque comunitario– para gasto militar, e abre a porta a “eliminar as restricións existentes para o apoio ás grandes empresas do sector”, na súa maioría privadas.
Tanto os grandes proxectos de defensa como as compras conxuntas de armamento decorrerían “en consonancia coa OTAN”, reiterou von der Leyen. 23 dos 27 membros do bloque comunitario están integrados na alianza militar controlada polos Estados Unidos, aos que Bruxelas segue a considerar un “aliado”, corroborou Stefan de Keersmaecker, voceiro da Comisión Europea, malia o segundo plano ao que relegou a UE nas negociacións para pór fin á guerra en Ucraína.
O Banco Europeo de Investimentos busca eliminar o límite para defensa
O Banco Europeo de Investimentos, logo de reclamalo 19 estados, enviou unha misiva aos membros da UE na que sinala que proporá suavizar as restricións para os seus investimentos en proxectos relacionados coa defensa e eliminar o límite de 8.000 millóns de euros que ten na actualidade para dedicar a ese ámbito até 2027.
Aínda que a entidade dirixida pola galega Nadia Calviño definirá “dunha maneira máis precisa e tan limitada como sexa posíbel” as actividades que financia (e que agora só poden ser de dobre uso civil e militar) para que “estean aliñadas coas novas prioridades políticas da UE”, mantería o veto a financiar armamento e munición.
En 2024, estimábase que o gasto militar da UE alcanzaría 326.000 millóns de euros –80% máis que en 2014–, indican os datos da Axencia Europea de Defensa, que traslada que foron 279.000 millóns un ano antes, o que, segundo as cifras do Instituto Internacional de Investigación para a Paz de Estocolmo (Sipri), supón máis do dobre do gasto de Rusia e fica pouco por baixo do da China, o segundo na listaxe dos países que máis dedica e a moita distancia do primeiro na clasificación, os Estados Unidos.
Precisamente a este país compraron os estados europeos 55% das súas importacións de armas pesadas entre 2019 e 2023 (os seguintes provedores foron Alemaña, con 6,4%, e Francia, con 4,6%), período no que foron 94% máis altas en xeral que entre 2014 e 2018, cando a porcentaxe de Washington foi de 35%. En 2023, a UE rexistrou unha alza de 42% en comparación co exercicio anterior nas súas importacións militares, que rozaron os 5.000 millóns de euros.