A Xustiza dos EUA di agora que o "Cartel dos Soles" non é unha organización real
O Departamento de Xustiza estadounidense admite agora, segundo información difundida por The New York Times, que o termo empregado contra Nicolás Maduro describe unha "cultura de corrupción" e non un cartel estruturado, contradicindo a versión defendida pola Administración Trump.
O Departamento de Xustiza dos EUA deu marcha atrás nunha das acusacións máis controvertidas empregadas pola Administración Trump para xustificar a ofensiva contra Venezuela e o secuestro do presidente Nicolás Maduro e da 'Primeira Combatente' Cilia Flores: a existencia do chamado "Cartel dos Soles" como unha organización criminal real dirixida polo mandatario venezolano. Segundo informou The New York Times, nunha acusación revisada e feita pública este sábado, tras o secuestro do presidente, os fiscais abandonan a tese de que se trate dun cartel estruturado e recoñecen que o termo fai referencia, en realidade, a un sistema de corrupción e clientelismo alimentado polo narcotráfico.
A acusación orixinal remóntase a 2020, cando un xurado imputou Maduro por supostos delitos de narcotráfico e describiu o Cartel dos Soles como unha organización criminal liderada polo presidente venezolano. Esa linguaxe foi retomada en xullo de 2025 polo Departamento do Tesouro para designar o suposto cartel como organización terrorista, e máis tarde polo Departamento de Estado, por orde do secretario Marco Rubio.
Porén, especialistas en criminalidade e narcotráfico en América Latina veñen sinalando desde hai anos que o Cartel dos Soles non é unha estrutura organizada, senón un termo coloquial xurdido nos anos noventa nos medios venezolanos para referirse a militares e cargos públicos corrompidos polo diñeiro da droga. A nova acusación contra Maduro, segundo destaca o xornal estadounidense, parece asumir finalmente esta interpretación.
No texto revisado, o Cartel dos Soles deixa de aparecer como unha entidade criminal definida e pasa a describirse como un "sistema de patrocinio" e unha "cultura de corrupción". Onde antes se mencionaba o suposto cartel máis de trinta veces e se presentaba Maduro como o seu líder, agora só aparece citado dúas veces e sen atribuír unha estrutura organizativa real.
Segundo The New York Times, o documento xudicial indica que os beneficios do narcotráfico "flúen cara a funcionarios corruptos civís, militares e de intelixencia que operan nun sistema de clientelismo dirixido polas máis altas esferas", coñecido popularmente como Cartel dos Soles, en referencia aos emblemas solares dos uniformes dos altos mandos militares venezolanos.
Este xiro, subliña The New York Times, pon seriamente en cuestión a lexitimidade da decisión de Washington de declarar terrorista o suposto cartel e para secuestrar Maduro e Flores o pasado 3 de xaneiro.
A pesar do recuamento xurídico, Marco Rubio volveu referirse este domingo ao Cartel dos Soles como un cartel real nunha entrevista televisiva, insistindo en que Maduro sería o seu líder. Unha afirmación que tamén contradí os informes da Axencia Antidroga dos EUA (DEA) e da Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito, que nunca mencionaron esa organización nos seus estudos anuais.
A nova acusación incorpora, ademais, outros elementos cuestionados por expertos, como a inclusión do líder da banda venezolana Tren de Aragua como suposto conspirador xunto a Maduro, unha ligazón que analistas consideran fébel e máis próxima á retórica política que a probas contrastadas.

