Os republicanos botan leña ao lume da xenofobia asiática nos EUA

O ex candidato á Presidencia dos EUA e ex gobernador de Arkansas, Mike Huckabee, normaliza cunha entrada no Twitter o racismo cara á cidadanía chinesa, nun momento en que os ataques verbais e físicos contra esta comunidade van en aumento tanto no país norteamericano como tamén noutras partes do mundo.
EuropaPress_3615508_21_march_2021_us_new_york_members_and_supporters_of_the_asian-american
photo_camera Manifestación na cidade de Nova York, o pasado mes de marzo (Bruce Cotler / ZUMA)

"Decidín que me vou 'identificar' como chinés. Voulle gustar á Coca-Cola, Delta compartirá os meus 'valores' e posibelmente consiga tenis de Nike e entradas para os partidos da liga de béisbol. Non son os Estados Unidos marabillosos?". A recente entrada na conta de Twitter do ex candidato á Presidencia dos EUA e ex gobernador de Arkansas, Mike Huckabee, é a última mostra pública de sentimento anti asiático no país norteamericano, que nas pasadas semanas se manifestou tamén en forma de agresións físicas.

Ataques na rúa

Un estudo do Centro para o Estudo do Odio e do Extremismo da Universidade Estatal de California, publicado a finais do mes pasado, reflicte un aumento durante a pandemia de case 150% nos crimes de odio contra a cidadanía asioestadounidense. O ex presidente Donald Trump referíase habitualmente ao novo coronavirus como o "virus chinés".

Desde que hai máis dun ano o SARS-CoV-2 se estendese polo mundo tras ser detectado por vez primeira na cidade de Wuhan, os ataques verbais e físicos contra a cidadanía chinesa e asiática en xeral son máis frecuentes. En xaneiro pasado un ancián tailandés de 84 anos foi empurrado con violencia nunha rúa de San Francisco. Dous días despois falecía no hospital. A publicación do vídeo da agresión provocou unha gran conmoción nunha cidade con importante presenza de cidadanía orixinaria de Asia (o China Town de San Francisco é o maior do mundo).

Tamén o pasado 16 de marzo, oito persoas ─entres estas, seis mulleres de orixe asiática─ foron asasinadas a tiros en varios centros de masaxes de Atlanta, en Georgia. A motivación dos ataques continúa baixo investigación, mais a comunidade asiática en todo os EUA mantense en estado de alerta desde entón. 

E poucos días despois, o 29 de marzo, unha anciá filipina era atacada violentamente en Times Square, en Nova York. "Ti non pertences aquí", foi unha das cousas que lle increpou o asaltante, negro. A muller buscou axuda nun edifico de apartamentos luxosos, onde varias persoas observaban o ataque. Cando tentou entrar, un garda de seguridade fechoulle a porta. 

Ao día seguinte, ante as críticas xeneralizadas, a Casa Branca viuse na obriga de emitir un comunicado onde anunciaba media ducia de accións directas para cortar estes ataques, sinalando que este acoso, "especialmente a mulleres e raparigas", era "anti estadounidense". Entre outras cousas, o Goberno destinará un orzamento maior ás organizacións que loitan contra a xenofobia e estabelecerá un corpo especial para estes delitos.

Racismo orgánico

A declaración nas últimas horas de Huckabee chega nun momento de máxima sensibilidade, aínda que se realiza en referencia a outro contexto máis amplo. Fai alusión á polémica polas mudanzas na lei electoral en Georgia, aprobadas na pasada quinta feira pola maioría republicana nas dúas Cámaras deste Estado, que pon máis trabas á cidadanía para participar nos procesos de votación. 

Ante a presión da sociedade civil, a liga de béisbol decidiu trasladar un importante partido de exhibición previsto na capital estatal, Atlanta, a outra localidade. Tamén as empresas ás que fixo referencia Huckabee ─Nike, Delta e Coca-Cola─ criticaron o cambio na lexislación, que o Partido Demócrata cre que afectará maioritariamente ás minorías étnicas. 

Tamén en Europa

Mais o aumento de ataques contra cidadanía de orixe asiática non é exclusivo dos EUA. En Europa tamén se está a dar este fenómeno desde a aparición do novo coronavirus. Só en Londres e só entre xuño e setembro de 2020 houbo 222 crimes de odio contra esta comunidade, aproximadamente o dobre que no mesmo período do ano anterior, segundo datos da Policía municipal. 

Tamén en Francia, Alemaña ou Países Baixos houbo mobilizacións nas últimas semanas para denunciar este tipo de xenofobia. En París cinco persoas foron xulgadas o mes pasado por escribir mensaxes de odio e facer comentarios racistas e ameazantes contra as persoas de orixe chinesa. Cidadanía con pasaporte francés. 

Entre 1916 e 1918, arredor de 140.000 traballadores procedentes da China chegaron a Europa para proporcionar axuda loxística ás forzas aliadas, nomeadamente a Francia e ao Reino Unido, durante a Primeira Guerra Mundial. Uns 20.000 perderon a vida. 

Na súa memoria, en setembro de 2018 colocouse fronte á estación de tren parisiense Gare de Lyon unha estatua de bronce que representa un labrego de Shandong. Desta provincia chinesa procedían a maioría daquelas persoas que participaron de maneira decisiva na historia europea.

Polo recoñecemento oficial da islamofobia

Os ataques de carácter islamofóbico "estanse a converter en algo normalizado" no Reino Unido. "Suceden practicamente cada día", denuncia Mez Saleem. O pai dela, Mohammed, foi asasinado por un neonazi en abril de 2013 en Birmingham cando regresaba dunha mesquita. Pavlo Lapshyn é o nome do criminal, que nos seguintes meses colocou bombas en templos islámicos da rexión de West Midlands. Lapshyn foi condenado por ambos os crimes, mais só o segundo foi cualificado de "acto terrorista".

Coincidindo agora co oitavo cabodano do pasamento de Mohammed, a filla está a impulsar unha campaña para que tamén o asasinato de carácter islamofóbico sexa considerado como acto de terrorismo. Muhsin Ahmed, en 2016 en Rotherham, e  Makram Ali, en 2017 en Londres, son casos similares citados por Saleem na campaña en Instagram, #IAmMohammedSaleem.

Comentarios