China condena o "inaceptábel" ataque a Irán e propón unha "fronte conxunta" ante as "accións unilaterais"

O ministro de Asuntos Exteriores chinés, Wang Yi, criticou o "inaceptábel asasinato" e mantivo conversas co seu homólogo ruso, Sergei Lavrov. 
Imaxe de arquivo do ministro de Asuntos Exteriores chino, Wang Yi. (Foto: Europa Press/Contacto/Bernd Elmenthaler)
Imaxe de arquivo do ministro de Asuntos Exteriores chino, Wang Yi. (Foto: Europa Press/Contacto/Bernd Elmenthaler)

O ministro de Asuntos Exteriores chinés, Wang Yi, condenou este domingo, 1 de marzo, o "inaceptábel" ataque dos Estados Unidos e Israel contra Irán, ao igual que fixo Vladimir Putin, tras lembrar que "estaba aberto un proceso diplomático" e expuxo a necesidade de construír unha "fronte conxunta" a nivel internacional contra as "accións unilaterais".

"É necesaria unha fronte común contra as accións unilaterais", afirmou Yi, segundo un comunicado do Ministerio de Asuntos Exteriores chinés publicado tras unha conversación entre Yi e o seu homólogo ruso, Sergei Lavrov.

Yi criticou tamén o "inaceptábel asasinato flagrante dun líder soberano e a incitación a un cambio de réxime". "Son violacións do dereito internacional e das normas básicas das relacións internacionais", reprochou. Como resultado, "o conflito estendeuse polo golfo Pérsico e a situación en Oriente Próximo achégase a un perigoso abismo", segundo Yi, que expón como saída a esta situación "o cesamento inmediato das accións militares" para evitar "unha escalada até un punto incontrolábel", así como o retorno ao diálogo e a negociación.

O terceiro punto da postura chinesa é a "fronte conxunta contra as accións unilaterais". "O ataque a estados soberanos sen a autorización do Consello de Seguridade da ONU socava os cimentos da paz instaurada tras a Segunda Guerra Mundial. A comunidade internacional debería enviar un sinal claro e unha voz inequívoca contra o regreso á lei da xungla", argumentou.

O Ministerio de Exteriores chinés destaca que Lavrov indicou que "Rusia comparte a posición de China e quere reforzar a coordinación e a comunicación con China" para unificar posicións con vistas á participación en espazos como a ONU ou a Organización para a Cooperación de Shanghái. Polo momento non hai información propia de Rusia sobre a conversación entre Lavrov e Yi.

Comentarios