O xenocidio en Gaza fai dous anos entre a incerteza sobre a súa posíbel fin

Bombardeo israelí o 7 de outubro de 2025 contra o sur da Cidade de Gaza, visto desde o campo de persoas refuxiadas de Nuseirat, no centro da Faixa. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press / Contacto)
67.000 persoas foron asasinadas como pouco, mais a cifra real podería ser 680.000 persoas.

Desde o 1 de xaneiro de 2023 até o 7 de outubro dese ano, o réxime israelí centrou as súas ofensivas militares no territorio palestino de Cisxordania, asasinando 204 persoas, 42 delas crianzas. Naquela altura xa se convertera no ano máis mortífero no lugar desde que a Oficina da Organización das Nacións Unidas (ONU) para a Coordinación de Asuntos Humanitarios comezou a recompilar datos en 2008. En paralelo, o Executivo de extrema dereita sionista intensificara os ataques de colonos e multiplicara as tentativas de controlar a Explanada das Mesquitas, minimizando o culto en calquera edificio relixioso que non fora xudeu. Ao tempo, Gaza sobrevivía no 18º ano do sitio imposto por Israel.

Neste contexto, na mañá da terza feira hai dous anos activáronse 4.500 combatentes do Movemento de Resistencia Islámica (Hamás) segundo as súas propias cifras, ás que Israel engade 2.200 membros doutras organizacións da resistencia palestina e civís. A organización saturou as defensas aéreas con 5.000 proxectís dirixidos a instalacións militares e asentamentos, despois do que tirou varios tramos do muro divisorio instalado polos sionistas.

Ao entrar no territorio controlado por Israel por terra, tamén por mar e aire, a resistencia fíxose co control de varias bases militares nos lindes e localidades sionistas, e levou a Gaza arredor de 250 persoas –detidas para o grupo, reféns para Israel– co fin de negociar un intercambio e a liberación dos milleiros de palestinas e palestinos presos nos cárceres do réxime, moitos por motivos políticos ou retidos de forma arbitraria.

1.139 persoas morreron no réxime sionista, un terzo delas militares e policías e 38 crianzas. Malia que Israel reitera que o resto eran civís, o certo é que a maioría da poboación do territorio está constituída por reservistas do Exército. Ademais, a prensa local corroborou que os militares israelís activaron de forma xeneralizada a directiva Haníbal, que consiste en matar os seus cidadáns e cidadás se é preciso para evitar que sexan capturadas e utilizadas como moeda de cambio. Até o de agora o réxime non detallou cantas persoas asasinou neste marco eses días.

A pesar de que até o 9 de outubro os israelís non foron quen de recuperar o control do territorio que tiñan antes da operación palestina, algo que nunca lle acontecera agás moi breves períodos nas guerras con países árabes, xa no mediodía do 7 de outubro comezaron a bombardear de forma indiscriminada Gaza, dando comezo a un xenocidio que se prolonga até hoxe.

Unha crianza morta á hora

Neste tempo, unha nena ou un neno foi asasinado cada hora, sumando 20.000 das máis de 67.000 persoas mortas a mans de Israel no enclave, 3% das máis de dous millóns de persoas que residían alí. Se engadimos as 169.000 que resultaron feridas unha de cada dez persoas na Faixa perdeu a vida ou foi danada de forma directa pola agresión militar. Aliás, unha cuarta parte das feridas sufrirán secuelas de por vida ao padecer amputacións ou lesións craniais.

Máis alá dos datos brindados polo Ministerio de Saúde de Gaza, gobernada por Hamás, baseados en rexistros e persoas hospitalizadas, o díxito real de mortes é descoñecido e con moita seguridade moito maior, pois non inclúe os milleiros de persoas desaparecidas ou baixo os cascallos dos edificios destruídos por Israel.

Citando os estudos efectuados ao respecto, a relatora da ONU para Palestina, Francesca Albanese, advertiu que a cifra real podería estar nos 680.000 óbitos. Isto supón que Israel tería asasinado case unha de cada tres persoas na Faixa en dous anos.

Delas, cando menos 1.722 eran profesionais da saúde, un dos grupos máis afectados polos repetidos ataques e asaltos israelís a instalacións médicas. Até 125 hospitais e clínicas foron danadas ou destruídas. Os sionistas fixeron o propio con 89% da infraestrutura de auga ou de sumidoiros.

Tamén arrasaron 92% dos edificios residenciais e 88% das instalacións comerciais, así como 92% das escolas. Máis de 2.300 construcións do ámbito, entre elas 63 universidades, foron destruídas. Asemade, mataron case 300 xornalistas e manteñen máis de 10.800 palestinas e palestinos, 450 crianzas, nas súas prisións.

A isto hai que engadir o asedio, causando unha fame negra ao longo do territorio que xa matou  directamente 154 nenas e nenos. O número total de mortes confirmadas por inanición medra até 459, mais de maneira previsíbel a cifra real está por riba. Por todo isto o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, ten unha orde de arresto na súa contra, acusado de perpetrar crimes contra a humanidade, do Tribunal Penal Internacional (TPI).

18.500 millóns en armas

Malia o amplo apoio, que se mantén entre as autoridades occidentais, a Israel nos primeiros momentos, a sucesión de masacres consolidou unha postura pro palestina moi marcada na opinión pública mundial, con ducias de milleiros de accións públicas nesta liña, que entre outros levaron Microsoft a suspender servizos que Israel usaba para a vixilancia masiva de civís palestinos, após múltiples protestas no seu seo  polas que foron despedidas traballadoras e traballadores. 

O xenocidio, así como as agresións militares israelís ao Líbano, Siria, o Iemen ou Irán que se produciron nestes dous anos, sería imposíbel de soster para Israel sen as armas e o diñeiro estadounidense, concluíu un informe do Proxecto Custos da Guerra da Universidade de Brown, que estimou en 18.500 millóns de euros ese apoio desde o 7 de outubro de 2023.

Negociacións indirectas

Xa nesa data de 2025, e mentres os bombardeos israelís non cesan, Washington encabeza a busca dunha saída negociada ao xenocidio, cunha proposta de cariz pro sionista que acabou sendo aceptada de forma condicionada por Hamás.

A terza feira, durante a segunda xornada de negociacións indirectas en Exipto, Fawzi Barhoum, voceiro do grupo, enumerou as súas principais demandas á hora de negociar a implementación do texto, como un cesamento do fogo permanente, a retirada israelí de toda Gaza e a entrada sen límites de axuda.

Á vez, reclaman que se permita o regreso das persoas desprazadas e o inicio dun proceso de reconstrución integral xestionado por un organismo palestino integrado por tecnócratas. En última instancia, apuntan que debe haber un intercambio xusto de prisioneiros.

Barhoum culpou Netanyahu de intentar "obstruír e frustrar" a rolda de negociación como fixo nas anteriores, ante o temor de que a fin do xenocidio implique a ruptura da coalición que o sostén, e sen esa inmunidade podería acabar en calquera momento en prisión polo caso de corrupción polo que está a ser xulgado ou pola orde do TPI.

A inmensa maioría das arredor de 200 persoas retidas en Gaza por Hamás liberadas até o de agora formaron parte dun intercambio con milleiros de presas palestinas como parte dunha tregua, como o que os sionistas racharon de forma unilateral en marzo.

No que atinxe a outro dos puntos que cuestionaran do plan de Donald Trump, presidente estadounidense, que a Administración de Gaza fique dirixida por el e outras persoas que designe, o Ministerio de Exteriores de Qatar, un dos mediadores, incidiu en que “os asuntos palestinos deben permanecer en mans dos palestinos”, e acusou Israel de incumprir o plan ao manter os bombardeos.

Sexa como for, Trump amosou optimismo e subliñou que “Hamás está aceptando cousas moi importantes”, amais de negar a veracidade dunha publicación do portal Axios que debullaba que Netanyahu tratou de convencelo de que o si condicionado de Hamás implicaba unha negativa. A cuarta está previsto que se una ás conversas Steve Wiktoff, enviado de Trump para Asia Occidental.

A proposta tamén contempla que unha misión militar internacional se despregue en Gaza, sobre o que Badr Abdelaty, titular de Exteriores exipcio, adiantou que “a finais desta semana” haberá unha reunión nun Estado europeo –non especificado– para “completar as conversas na ONU co fin de aprobar ese plan” e “garantir a seguridade para os palestinos”.

A ONU pide a fin da agresión e a liberación dos israelís

O secretario xeral da ONU, António Guterres, instou a terza feira a pór fin “ao sufrimento de todos” e liberar “os reféns”, nunha comunicación na que fixo fincapé na importancia de alcanzar “unha paz xusta e duradeira na rexión”.

De forma similar se expresaron líderes occidentais, que malia a mudanza na súa posición pública baixo a presión popular seguen sen adoptar medidas determinantes para acabar co xenocidio. 

Embargo de armas

Nese sentido, a Xunta de Portavoces do Congreso español acordou atrasar até a cuarta a votación do decreto-lei aprobado polo Goberno de PSOE e Sumar cun embargo de armas a Israel, aínda que mantivo a terza o debate, nunha decisión motivada en evitar que coincidira co segundo aniversario do inicio da operación da resistencia palestina.

O Centro Delàs de Estudos pola Paz valorou de “forma positiva” a resolución, mais advirte que é “insuficiente e mellorábel”, ao non entrar “no conxunto das relacións armamentísticas e militares que España ten ou poida ter con Israel” e conter “deficiencias” que poderían permitir que prosigan as “operacións de tránsito e transbordo” de armas ao réxime.

No tocante ao debate da terza no Parlamento Europeo arredor do papel do bloque comunitario no xenocidio, a eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Miranda, criticou a “inacción” e a “hipocrisía” da UE, que “demostra a súa complicidade co xenocidio que comete Netanyahu”. Tamén destacou as mobilizacións populares a favor de Palestina, que clarifican que a postura de Bruxelas “dá vergoña”, abundando en que é preciso romper as relacións diplomáticas e comerciais con Israel, ademais de sancionalo. 

Ao respecto da Flotilla Global Sumud, cuxos integrantes foron capturados en máis de 40 barcos polas tropas sionistas cando trataban de levar axuda humanitaria a Gaza, rachando desta maneira o asedio ao enclave, e denunciaron malos tratos e torturas por parte dos israelís ao ser liberados, 131 activistas foron expulsados do territorio israelí cara a Xordania, que pormenorizou que proceden dunha vintena de países, entre eles os Estados Unidos, o Reino Unido, Colombia, Brasil, Suráfrica ou Turquía.