Ana Miranda exixe romper relacións con Israel e censura a UE por non defender a flotilla: "Dá vergoña"
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, durante un debate na Eurocámara sobre o papel da Unión Europea (UE) nos esforzos de paz en Gaza, afirmou que a "inacción" da alianza comunitaria ao defender a flotilla intervida por Israel "dá vergoña".
Ademais, a representante da formación nacionalista no Parlamento Europeo valorou positivamente as manifestacións que decorreron ao longo e ancho do continente europeo a favor do pobo palestino. Neste contexto, Miranda exixiu a ruptura de relacións diplomáticas e comerciais co Estado de Israel.
"Escoita a UE o clamor e a dignidade das rúas que desde Santiago de Compostela até Ámsterdam piden que se acabe o xenocidio de Israel en Gaza? Non. Que fixo a UE por defender a valentía das persoas que foron na flotilla humanitaria, arriscando as súas vidas para denunciar o xenocidio? Nada", afeou a eurodeputada galega.
Neste sentido, Miranda engadiu que a poboación en distintos países está "a dicir nas rúas" que a posición da UE ante as accións israelís "dá vergoña". A eurodeputada tamén incidiu en que o "xenocidio en Gaza está a mover o mundo" e en que o que suceda ao respecto "condicionará as relacións internacionais e os dereitos humanos" no futuro.
Pasividade de Von der Leyen
Neste sentido, Miranda tamén criticou a "pasividade" da presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, ademais da "hipocrisía e a inacción" da UE nestes dous anos. Algo que, a xuízo da representante da formación nacionalista, "demostra a súa complicidade co xenocidio que comete Netanyahu".
"Non podemos esperar máis. Exiximos a ruptura das relacións diplomáticas, comerciais, embargo de armas, suspensión do acordo de asociación UE-Israel, sancións ao Estado de Israel pola violación de dereitos humanos, pola ocupación e apartheid en Palestina", concluíu a eurodeputada do BNG.
