Xa hai día e hora prevista para a chegada á Galiza de Sandra Garrido: estes son os detalles da volta da integrante da flotilla
A activista galega Sandra Garrido, integrante da Flotilla Sumud Global, chegará esta cuarta feira, 8 de outubro, ás 20.18 horas, segundo está previsto, á estación de tren de Santiago de Compostela, procedente de Madrid.
Garrido foi liberada esta segunda feira tras varios días de secuestro e retención en Israel. As activistas do Estado español, repatriadas vía Atenas en tres voos con destino Barcelona, Bilbo e Madrid, denunciaron á súa chegada o asalto en augas internacionais e a súa detención ilegal por parte das autoridades israelís.
Tamén reiteraron o seu compromiso de manter a misión humanitaria da flotilla, que busca romper o bloqueo a Gaza e pór fin ao xenocidio contra o pobo palestino.
Rolda de prensa e recepción en Raxoi
A chegada de Sandra Garrido será recibida por compañeiras e representantes de colectivos solidarios na estación de tren compostelá, onde fará unhas breves declaracións aos medios. A activista atenderá a prensa con máis detalle nunha rolda mañá, 9 de outubro, ás 11:30 horas.
Tamén mañá, o Concello de Compostela acollerá nunha recepción oficial Sandra Garrido e representantes do Movemento Global a Gaza-Galiza. O acto, presidido pola alcaldesa Goretti Sanmartín, contará coa presenza de membros da Corporación.