Gráficos

Quen vota que? Así foron os dispares resultados das votacións no Congreso das medidas propostas para defender Palestina

O deputado de Sumar Agustín Santos Maraver rachou a disciplina de voto en varios dos puntos debatidos nunha xornada na que destacaron a coincidencia de Junts co PP ou os votos discordantes de Francina Armengol e Zaida Cantera dentro do PSOE e de Rafael Hernando no PP. Só Sumar —agás Santos Maraver—, Bildu, Podemos e BNG apoiaron as sete propostas rexistradas polos morados para combater o xenocidio israelí en Gaza, mais non saíu adiante a principal, que pretendía suspender as relacións diplomáticas do Estado español con Israel.
Pleno do Congreso cos resultados da votación sobre se o Goberno español debería suspender as relacións diplomáticas con Israel. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pleno do Congreso cos resultados da votación sobre se o Goberno español debería suspender as relacións diplomáticas con Israel. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Con máis de 30.000 vítimas mortais desde o pasado 7 de outubro —30.035 máis concretamente, segundo o último balance achegado polas autoridades palestinas—, a cruenta ofensiva israelí sobre Gaza segue a centrar todas as miradas e tamén boa parte da actividade política na Galiza e mais no Estado español. Esta quinta feira o Congreso debateu unha batería de iniciativas rexistradas por Podemos e os resultados das votacións dos sete puntos —que se levaron ao pleno por separado— deixaron resultados moi dispares.

Só se logrou o quorum para aprobar unha das mocións, a terceira, referida á necesidade de "redobrar os esforzos" para lograr a apertura de corredores humanitarios e a entrada de axuda humanitaria en Gaza. O texto conseguiu reunir 312 'si' fronte a 33 'non' —os de Vox, que se opuxo a todo o que saíu a debate— e unha abstención, a do deputado de Sumar Agustín Santos Maraver, que rompeu a disciplina de voto en varias das iniciativas alegando a súa "carreira como diplomático" —foi o representante permanente do Estado español ante a ONU entre 2018 e 2023—. Ausentáronse da votación Pedro Sánchez (PSOE), Míriam Nogueras (Junts) e José Luis Ábalos (non adscrito), que non emitiron voto en ningunha das sete mocións, e mais Elías Bendodo (PP).

 

O primeiro punto, e se callar o máis transcendental, foi tamén o que contou con menos apoios, 37, os de Podemos, BNG, EH Bildu e 26 dos 27 representantes de Sumar —todos a excepción de Santos Maraver, que votou 'non'—. A proposta demandaba suspender as relacións diplomáticas con Israel "até que cese a ofensiva sobre Gaza e Cisxordania". O resto de forzas políticas tamén avogaron por oporse.

 

O segundo punto chamaba o Goberno español a suspender de forma inmediata o comercio de armas con Israel, unha medida que apoiaron Podemos, BNG, EH Bildu, ERC, PNV, Coalición Canaria, 26 deputados de Sumar e 117 do PSOE. No caso da formación que lidera Yolanda Díaz, o voto discordante non foi neste caso o de Santos Maraver, que si apoiou a moción, senón o de Rafael Cofiño, que se ausentou e non emitiu o seu sufraxio. E nas filas socialistas salienta o 'non' que pronunciaron a ex militar Zaida Cantera e mais a presidenta do Congreso, Francina Armengol. Tamén se mostraron contrarios 134 deputados do PP, os 33 de Vox, 6 de Junts e o de UPN. Ausentáronse tamén, alén de Cofiño, Sánchez, Nogueras e Ábalos, os representantes do PP Albert Fabra, Miguel Ángel Paniagua e Ana Pastor.

 

A cuarta proposta demandaba promover no seo da Unión Europea a adopción de "sancións económicas exemplares" contra os responsábeis dos crimes en Gaza, incluíndo colonos de asentamentos ilegais e as propias autoridades do Goberno israelí. Estiveron de acordo coa medida os 119 representantes do PSOE, os 27 de Sumar, 7 de ERC, 6 de EH Bildu, 5 do PNV, 4 de Podemos e mais os de BNG e CC. Votaron 'non' todos os deputados e deputadas de PP, Vox, Junts e UPN.

 

Na votación do quinto punto, que instaba a promover a través da UE un "embargo total" de armas a Israel en todo o territorio comunitario, o resultado foi practicamente idéntico ao anterior, coa nota discordante do socialista Gonzalo Redondo, que co seu 'non' sumou outro voto contrario até facer un total de 178 fronte a 169 'si'.

 

O sexto punto, que pedía promover a suspensión do Acordo de Asociación Estratéxica entre a UE e Israel, foi o único no que se abstivo a totalidade da bancada do PSOE —agás o ausente Sánchez—. Apoiárono Sumar, EH Bildu, Podemos e BNG e votaron en contra Vox, ERC, Junts, PNV, UPN, CC e o PP... agás Rafael Hernando, que se abstivo canda o PSOE.

 

Por último, a proposta número sete pretendía apoiar a investigación por parte da Fiscalía da Corte Penal Internacional relativa aos crimes cometidos en Gaza e Cisxordania polo Exército israelí, e contou co 'si' de PSOE, Sumar, ERC, EH Bildu, PNV, Podemos, BNG e CC e o 'non' de PP, Vox, Junts e UPN.

 

Comentarios