Venezuela determina nun referendo se reclama o territorio do Esequibo

A rexión selvática está controlada por Güiana.

Acto de campaña do PSUV no oeste de Venezuela a quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto de campaña do PSUV no oeste de Venezuela a quinta feira. (Foto: Nós Diario)

A poboación venezolana está convocada o domingo a un referendo co que o Goberno do progresista Nicolás Maduro busca reforzar a reclamación de soberanía sobre o Esequibo, un territorio que na actualidade controla Güiana.

As cinco preguntas abordan desde a incorporación do Esequibo ao mapa de Venezuela até a negativa a que a Corte Internacional de Xustiza decida sobre a controversia.

Após independizarse do Estado español en 1811, o Esequibo formaba parte de Venezuela. Porén, un acordo entre os Países Baixos e o Reino Unido para que os británicos controlasen a rexión levou a que en 1899 un tribunal de arbitraxe determinara en París que o territorio era británico e non venezolano.

Porén, con posterioridade transcendeu que os xuíces non foron imparciais e respondían aos intereses británicos, polo que Venezuela denunciou como nula a sentenza.

Tres meses antes da independencia güianesa do Reino Unido en 1966, Londres e Caracas asinaron o Acordo de Xenebra, que recoñeceu a reclamación venezolana co fin de permitir avanzar nas negociacións sobre a soberanía do territorio.

Comentarios