A OMS extrema a vixilancia sobre a nova variante da Covid detectada en Francia

A organización tranquiliza á poboación asegurando que esta cepa "non está a circular moi activamente".
Sanitarias preparan a vacina para as crianzas en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Sanitarias preparan a vacina para as crianzas en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Organización Mundial da Saúde (OMS) garantiu esta quinta feira, 6 de xaneiro, que as persoas expertas xa están a facer un seguimento da subvariante B.1.640.2. -a que se deu en chamar IHU- detectada hai pouco tempo en Francia.

Así o explicou a epidemióloga líder da institución, a doutora Maria Van Kerkhove, que puntualizou que esta subvariante da Covid-19 "non está a circular moi activamente", polo menos de momento.

A especialista subliñou que a cepa fora detectada en setembro de 2021 nalgúns países polo que xa se puxo "baixo supervisión" de forma oficial o pasado mes de novembro.

En todo caso, Van Kerkhove aclarou aos medios que "esta variante representa menos de 1% das mostras en Francia". "Hai dúas subvariantes: a B.1.640.1 e a B.1.640.2, e é importante que as sigamos, pola cantidade de mutacións coas que conta", reflexionou, tranquilizando á poboación mundial porque os contaxios desta variedade do coronavirus non son moitos.

As vacinas, efectivas

"É bastante común que esta situación ocorra", subliñou a experta da OMS, que garantiu que "as vacinas actuais contra a Covid-19 funcionan para todas as variantes activas".

Ante os interrogantes que comezan a xurdir en todo o mundo, a directora do Departamento de Inmunización da OMS, Kate Ou' Brien, tamén falou ao respecto destacando que se trata dunha "cepa menos activa" que esta na fase de "ser avaliada".

"É unha variante que quizais está a aumentar a súa prevalencia. Contamos con probas específicas da mesma, pero está pendente dunha análise máis profunda", engadiu a responsábel.

Comentarios