A UE defende unha transición en Venezuela que inclúa González e Machado mais négase a condenar a intervención militar dos EUA
A Unión Europea valorou esta segunda feira a "intervención" militar dos Estados Unidos en Venezuela como unha "oportunidade" para levar a cabo unha transición democrática no país latinoamericano, que "debe incluír" os líderes opositores María Corina Machado e Edmundo González Urrutia, que foron apoiados por unha "significativa maioría" dos venezolanos nas últimas eleccións.
En rolda de prensa desde Bruxelas, e sen condenar o ataque ilegal que acabou co secuestro de Nicolás Maduro na madrugada do 3 de xaneiro, a portavoz de Exteriores da UE, Anitta Hipper, puxo en valor o papel de Machado e González en Venezuela, por "loitar incansabelmente pola democracia e os dereitos humanos", e por liderar en 2024 un movemento "pacífico" que foi secundado por "millóns de venezolanos que os votaron".
Neste punto, indicou que "os próximos pasos" tras a intervención de Washington en Caracas débense centrar "no diálogo cara a unha transición democrática, que debe incluír tanto a Edmundo González e María Corina Machado", dúas figura que polo momento Trump relegou da situación actual aducindo que non ten apoio suficiente dentro do país.
A portavoz de Exteriores lembrou que o até este sábado presidente venezolano, Nicolás Maduro, "carece da lexitimidade dun líder elixido democraticamente" e que por tanto o ocorrido durante a fin de semana "brinda a oportunidade" dunha transición democrática "liderada polo pobo venezolano".
"Os acontecementos dos últimos días crean esta posibilidade para que quen foro elixidos democraticamente en Venezuela poidan efectivamente gobernar o país", explicou, facendo un chamamento a garantir que "sexa Venezuela quen restaure a democracia e abra a vía para saír da crise actual".
Preguntada sobre se a Unión Europea valora facer como Estados Unidos e traballar coa actual presidenta encargada de Venezuela, Delcy Rodríguez, a portavoz respondeu que a Unión só ve lexitimados a "aqueles que foron elixidos democraticamente", en alusión á oposición venezolana.
A UE evita a condena á intervención dos EUA
Noutra orde de cousas, o bloque europeo volveu insistir na necesidade de "respectar e defender" o Dereito Internacional e a Carta de Nacións Unidas, sinalando á súa vez "a responsabilidade" do Consello de Seguridade da ONU de "defender estes principios como piar da seguridade internacional".
"Lembramos os principios polos que nos guiamos, e trátase do Dereito Internacional, que inclúe tamén a Carta da ONU, a cal debe ser respectada", proseguiu a portavoz na súa explicación, que evitou, con todo, responder a se considera legal e dentro da Carta de Nacións Unidas a intervención dos Estados Unidos.
"Hai órganos que están en mellor posición para decidir sobre a legalidade ou ilegalidade", engadiu, para despois non entrar en cal é a definición da UE da operación militar do sábado e de se a ven como unha invasión ou un golpe. "Iso non é o máis relevante neste instante", resolveu.

