O Goberno venezolano rexeita a agresión militar de Estados Unidos e chama ao pobo a defender a soberanía

O Executivo venezolano chama ao pobo e ás forzas armadas  a combater para preservar a soberanía.

G9t9S-uXsAA2I3N
Seis columnas de fume en diversos puntos da cidade de Caracas. (Foto: AlertaNews)

O Goberno venezolano ven de emitir un comunicado oficial onde "rexeita, repudia e denuncia ante a comunidade internacional a gravísima agresión militar perpetrada polo Goberno actual dos Estados Unidos de América contra o territorio e a poboación venezolana".

O chamado recoñece que os bombardeos da aviación estadounidense afectaron obxectivos civís e militares da cidade de Caracas e dos estados de Miranda, Aragua e A Guaira. Neste sentido denuncia, "unha violación flagrante da Carta das Nacións Unidas, especialmente dos seus artigos 1 e 2, que consagran o respecto á soberanía, a igualdade xurídica dos Estados e a prohibición do uso da forza".

O Executivo presidido por Nicolás Maduro, sinala que "o obxectivo deste ataque non é outro que apoderarse dos recursos estratéxicos de Venezuela, en particular do seu petróleo e minerais, tentando crebar pola forza a independencia política da nación".

Os dirixentes venezolanos aseguran que "o intento de impor unha guerra colonial para destruír a forma republicana de goberno e forzar un "cambio de réxime", en alianza coa oligarquía fascista fracasará como todos os intentos anteriores".

O Goberno de Venezuela chama "a todas as forzas sociais e políticas do país para activar os plans de mobilización e repudiar este ataque imperialista". Nesta dirección, asegura que "o pobo de Venezuela e a súa Forza Armada Nacional Bolivariana, en perfecta fusión popular-militar-policial, atópanse despregados para garantir a soberanía e a paz".

O operativo militar previsto para estas situación xa comeza a despregarse nos diversos puntos do país, declarándose o estado de Conmoción Exterior "para protexer os dereitos da poboación, o funcionamento pleno das institucións republicanas e pasar de inmediato á loita armada".  

A acción diplomática

A acción diplomática do Executivo venezolano arrancou xa coa presentación de denuncias pola agresión diante do Consello de Seguridade da ONU, a Secretaría Xeral da referida organización e a CELAC onde reclaman a condena da actuación do Goberno estadounidense.

Comentarios