Georgescu recorre o veto das autoridades romanesas á súa candidatura
O candidato á presidencia romanesa crítico coa OTAN e a Unión Europea Călin Georgescu ratificou esta segunda feira a presentación dun recurso perante o Tribunal Constitucional logo de que o domingo a Oficina Electoral Central de Romanía rexeitara a súa candidatura ás eleccións de maio.
“Imos xuntos até o final polos mesmos valores: Paz, democracia, liberdade”, asegurou o independente nun vídeo co liderado de dúas das tres formacións de extrema dereita no lexislativo, a Alianza para a Unión dos Romaneses e o Partido dos Mozos.
Na alocución, o candidato ultradereitista tamén demandou evitar protestas violentas “como as que vimos onte [polo domingo] pola noite”, cando a decisión da autoridade electoral derivou en manifestacións de rexeitamento e disturbios no marco dos que arredor dunha ducia de policías (que atacaron con bombas lacrimóxenas) resultaron feridos.
O prazo para apelar expira ás 24 horas da negativa, e prevese que o Constitucional decida a terza feira.
O órgano electoral debullou que non aceptou a inscrición da candidatura de Georgescu, sobre o que non pesa ningunha condena, pola decisión do Constitucional do 6 de decembro, cando a dous días da segunda volta das presidenciais anulou a primeira fase, na que se impuxera o ultradereitista crítico coa Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), aducindo unha
suposta interferencia rusa.
Líder das sondaxes
As últimas sondaxes colocaban Georgescu por riba de 40% dos apoios, polo que volvería gañar na primeira volta.
A finais de febreiro, cando ía rexistrar a súa candidatura por primeira vez, foi detido polas forzas de seguridade, que o acusaron de delitos electorais, “promover publicamente ideas, conceptos ou doutrinas fascistas” ou “iniciar ou constituír unha organización fascista, racista ou xenófoba”.
