O presidente conservador de Romanía dimitirá na cuarta feira para evitar a súa destitución
O conservador Klaus Iohannis, presidente de Romanía, fará a cuarta feira efectiva a súa dimisión, que busca evitar o procedemento de destitución iniciado polas tres forzas de ultradereita no lexislativo, e apoiado pola conservadora Unión Salvar Romanía.
Iohannis sostivo que a súa renuncia responde a que pretende “aforrar a Romanía e aos seus cidadáns unha crise”, cuestionando a moción como “inútil” e incidindo en que o mundo “burlaríase” do país. De ser aprobada, a poboación tería que ratificala por medio dun referendo.
Despois da presión nese sentido das forzas opositoras, que puxeron en dúbida a súa lexitimidade como presidente ao prorrogar o seu mandato após a suspensión o pasado ano da primeira volta das presidenciais por parte do Tribunal Constitucional, que impediu o desenvolvemento da segunda fase, tamén o Executivo comezou a trasladar a súa preocupación.
O Gabinete, conformado polo Partido Socialdemócrata, o Partido Nacional Liberal e a formación da minoría húngara, está apenas unido pola súa defensa dun aliñamento integral coa Unión Europea (UE) e a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).
Acusacións sen probas
O presidente foi un dos impulsores da suspensión dos comicios despois de imporse na primeira volta Calin Georgescu, un ultradereitista crítico coa OTAN, ao entregar documentación de Intelixencia á Xustiza que aseguraba que se producira unha interferencia estranxeira, en alusión a Rusia. Dous meses despois aínda non se publicou ningunha proba.
O Executivo fixou os novos comicios o 4 de maio, cunha potencial segunda volta o 18, e até ese momento o presidente interino será o liberal conservador Ilie Bolojan, presidente do Senado.
