A ultradereita portuguesa aspira a forzar a segunda volta nas presidenciais

Aínda que Marcelo Rebelo de Sousa se perfila como claro vencedor, a abstención pola pandemia podería dar cheda a André Ventura, para quen ir ao desempate xa sería un grande éxito.

EuropaPress_3531182_andre_ventura_lider_ultraderechista_partido_chega
photo_camera André Ventura, líder do ultradereitista Chega! (Contacto)

Portugal vota este domingo, 24 de xaneiro, nas eleccións presidenciais baixo o extraordinario condicionante da pandemia. Aínda que o actual mandatario, o conservador Marcelo Rebelo de Sousa, continúa perfilado como abafante favorito, a baixa participación que anticipan os actuais máximos de contaxios favorecerá claramente o emerxente deputado da ultradereita André Ventura, para quen a posibilidade de forzar unha inédita segunda volta xa suporía unha vitoria sen precedentes con vistas ás súas aspiracións de futuro.

As sondaxes conceden a Rebelo de Sousa aproximadamente entre 58% e 62% dos votos mentres que, a gran distancia, Ventura está en situación de empate técnico (en torno a 12-13%) como segundo candidato máis votado, de maneira conxunta coa candidata Ana Gomes, esta última un caso excepcional: deputada socialista que comparece co apoio doutros dous partidos, Pessoas–Animais–Natureza (PAN) e Livre, dado que o primeiro ministro e líder socialista, António Costa, eludiu prestarlle o seu apoio. O resto dos sete candidatos non sobe de 10%.

Ventura é unha figura anómala na política de Portugal, un país que se distinguiu por cortar de raíz a urxencia da ultradereita que marcou os últimos anos da política europea. En 2021, dous anos despois da creación do seu partido, o Chega!, o dique de contención parece rexistrar as primeiras fendas, no que supuxo a fin do excepcionalismo portugués fronte ao ascenso dos radicais.

Polémicas

A súa retórica, en principio, é indiscerníbel en moitos aspectos de correlixionarios da ultradereita europea como Marine Le Pen ou Matteo Salvini. A través dunha linguaxe incendiaria nas redes sociais, este avogado de 37 anos e convidado habitual en programas de fútbol propón a caza sen freo á inmigración ilegal, endurecemento das penas de prisión, a castración química para pederastas e violadores convictos e redución do número de deputados no Parlamento como parte dunha loita sen cuartel contra as "elites" nacionais.

Noutros momentos, no entanto, a virulencia do seu discurso non coñece rival en Europa: o seu partido propuxo votar a posibilidade de extirpar os ovarios ás mulleres que abortasen, avogou pola expulsión do país da deputada Joacine Katar, de raza negra, e chegou a pór en dúbida o legado da Revolução dos Cravos que acabou coa ditadura en 25 de abril de 1974.

Ventura é un xerador de caos, ao que nin sequera protestas populares como a organizada a semana pasada, co xesto dos beizos pintados de vermello despois de Ventura dicir á súa rival do Bloco de Esquerda, Marisa Matias, que "não está muito bem em termos de imagem, com aquele batom vermelho, como se fosse uma coisa de brincar"; ou actos de violencia como o ocorrido na quinta feira en Setúbal, onde un grupo de manifestantes o apedraron tras un acto de campaña, parece influír nel: o seu partido subiu nove puntos nas enquisas en só dous anos e emerxeu como figura chave para formar goberno nos Açores.

Con 11% en intención de voto nas enquisas, poucas posibilidades ten en comparación ao mínimo de 60% que obterá o presidente Rebelo de Sousa, mais os expertos dan por sentado que os simpatizantes do deputado ─"o Exército Popular Português", como el lles chama─ non fallarán á cita electoral para votar por el, malia a crise sanitaria sen precedentes desde o inicio da pandemia, con récords diarios de contaxios e falecementos.

Abstención vs. Rebelo de Sousa

O conservador Rebelo de Sousa, que Ventura chama "covarde", conta coa admiración dos seus simpatizantes polo pragmatismo e as actitudes de estadista, sobre o que hai un consenso case maioritario en consideralo unha figura de estabilidade que reforzou a figura do presidente moi por encima das limitadas competencias que exerce na política nacional.

De feito, o primeiro ministro Costa abstívose de dar o seu apoio a Gomes nestas eleccións, extraoficialmente para non arrebatar votos ao veterano mandatario, e doutra banda para se aforrar unha derrota garantida, o que xerou certa tensión coa candidata socialista.

Todo dependerá finalmente da abstención, que se clacula andará por volta de 65%. "Basta que a abstenção atinja 70% para tornar quase inevitável uma segunda volta", alertou o actual presidente da República.

Comentarios