sábado 15/08/20

O ultraconservador Duda recunca á fronte da Presidencia de Polonia

Nesta segunda feira, o seu rival, o liberal Rafal Trzaskowski, publicaba unha entrada no Twitter onde recoñecía a derrota e desexaba ao presidente que este mandato "sexa realmente diferente".
O presidente de Polonia, Andrzej Duda, é aliado do partido de Goberno Lei e Xustiza (Filip Radwanski / SOPA)
O presidente de Polonia, Andrzej Duda, é aliado do partido de Goberno Lei e Xustiza (Filip Radwanski / SOPA)

A Comisión Electoral de Polonia (PKW) informou esta segunda feira, 13 de xullo, de que o actual mandatario do país, Andrzej Duda, lograra impoñerse na segunda volta das eleccións presidenciais do domingo por unha estreita marxe fronte ao seu competidor, Rafal Trzaskowski.

Con 99,97% dos votos escrutados, a PKW sinalou que o ultraconservador Duda se fixera con 51,21% dos sufraxios, fronte ao 48,79% que conseguiu o candidato liberal e alcalde de Varsovia. A participación nesta segunda volta foi unha das máis altas, con 68,12% do censo.

A Comisión Electoral indicou que aínda non estaban dispoñíbeis todos os datos do voto exterior, incluídos os da cidadanía que vive no Reino Unido,  un dos países que acolle maior número de emigrantes polacos. 

Non obstante, a PKW sostivo que a porcentaxe de sufraxios aínda non contabilizados non alterará de forma significativa o resultado final das presidenciais.

Tras coñecer as sondaxes a pé de urna que o situaban a última hora do domingo como vencedor da segunda volta das presidenciais, o presidente Duda agradeceu no Twitter o apoio recibido e publicou unha foto da bandeira polaca coa frase "Viva Polonia!".

Asunción da derrota

Trzaskowski compareceu ante os seus seguidores. "Fomos quen de espertar, de crear esperanza, de construír unha campaña claramente cívica. Estou convencido de que imos mudar Polonia", afirmaba, resistíndose a asumir a derrota electoral.

Finalmente, ás 14.00 horas desta segunda feira, publicaba unha entrada no Twitter onde felicitaba o seu rival ao tempo que lle desexaba que este mandato "sexa realmente diferente".

A campaña electoral estivo marcada polo discurso contrario á comunidade LGTB de Andrzej Duda, aliado do partido de Goberno Lei e Xustiza (PiS), ultraconservador e euroscéptico. 

comentarios