A UE ultima a súa posición fronte a un acordo comercial cos EUA, asumindo un arancel de 10%
Nunha reunión que continuaba a quinta feira á hora do fechamento desta edición e que a prensa internacional prevía longa, con posibilidades incluso de que se prolongara até a madrugada, o Consello Europeo abordou entre outras cuestións o posíbel pacto comercial cos Estados Unidos, nunha decisión entre “alcanzar un acordo rápido” en “termos que favorezan Washington ou seguir loitando por un mellor acordo”, sintetizou a axencia Reuters.
Tanto funcionarios e diplomáticos consultados polo medio como a meirande parte das declaracións públicas emitidas polos liderados dos membros da Unión Europea (UE) a quinta feira apuntaban a que optarían pola primeira opción, e logo confían en “tratar o nesgo desfavorábel con algunhas medidas de reequilibrio”.
A data límite fixada para fechar un pacto polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, é o 9 de xullo, a partir do que ameazou con impor un arancel de 50% aos bens procedentes do bloque comunitario.
Após ver o único pacto bilateral asinado polo país americano, co Reino Unido, a cuxos produtos mantén un gravame de 10% cando Londres se comprometeu a facilitar as importacións de mercadorías estadounidenses, a maioría dos membros están dispostos a aceptar esa cifra, “algo ao que aparentemente xa están afeitos”, indicou un diplomático de Bruxelas.
Aínda que os conservadores, impulsados polo chanceler alemán Friedrich Merz, acordaron reclamar que non haxa taxas para o comercio con bens industriais, aspira, como a industria teutoa, a un pacto canto antes coa esperanza de non agravar unha situación económica límite após dous anos de recesión.
24 horas despois de que Trump ameazara o Estado español con dobrarlle os aranceis por non comprometerse a elevar a 5% do produto interior bruto (PIB) o gasto militar nunha década, como rubricou a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), o presidente estatal Pedro Sánchez retrucou que a negociación dos aranceis é competencia da UE.
Tamén se debateu a situación en Asia Occidental. Como era previsíbel, o Consello non condenou a agresión militar de Israel e os Estados Unidos a Irán, e “tomou nota do informe sobre o cumprimento por parte de Israel” do acordo comercial coa UE, en alusión ao documento que confirma que o réxime sionista violou de forma masiva os dereitos humanos no xenocidio que está a perpetrar en Gaza.
Ao respecto, o portal Euractiv reporta que a discusión sobre medidas contra Israel ficou atrasada a xullo. Antes, Sánchez solicitara actuar “inmediatamente” e suspender o acordo, reiterando que xa se validaron “18 paquetes de sancións a Rusia”.
Moción de censura a von der Leyen
Gheorghe Piperea, eurodeputado dos Conservadores e Reformistas Europeos (ECR), un dos tres grupos de extrema dereita do Parlamento Europeo, presentou a quinta feira unha moción de censura contra a Comisión Europea, liderada por Ursula von der Leyen. Piperea asegura que ten apoios dabondo para que sexa votada no lexislativo, a pesar do que ten poucas opcións de prosperar.
A proposta critica a falta de transparencia de von der Leyen e cita a sentenza do Tribunal Xeral da UE coa que rexeitou as xustificacións da Comisión para non entregar as mensaxes entre a presidenta do Executivo da UE e o de Pfizer, Albert Bourla, nas que negociaron a compra de vacinas durante a pandemia de Covid-19.
