venres 25/06/21

A crise con Marrocos preocupa o empresariado galego pola inestabilidade dos negocios

O aumento da tensión entre o Estado español e Marrocos preocupa o empresariado galego. O reino alauita é na actualidade un dos principais destinos dos investimentos dalgunhas das máis importantes compañías galegas, entre elas o xigante téxtil Inditex ou diversas empresas do sector do metal.
Sede de Inditex en Arteixo. (Foto: Nós Diario) #inditex #arteixo #industria #textil #empresasgalegas #marrocos #negocios #intereses #crise #inestabilidade
Sede de Inditex en Arteixo. (Foto: Nós Diario)

Marrocos é unha das principais fábricas de Inditex. A multinacional galega leva desde comezos da década dos 90 producindo prendas dalgunhas das súas principais marcas no Estado do Magreb a través de acordos con máis de 220 provedores locais, que empregan arredor de 65.000 persoas en diversos centros de traballo, localizados maiormente nas proximidades de Tánxer e Casabranca. Así as cousas, o parque empresarial de Ain Dalia, un complexo de máis de 1.300 hectáreas situado a 14 quilómetros de Tánxer que integra todo o proceso da confección, resulta chave para a actividade do xigante galego.

O caso de Inditex, malia ser dos máis coñecidos, non é unha excepción. Outro tanto sucede co grupo Ferroplast, unha empresa do sector químico fundada en 1960 e cuxa central está localizada en Muras. A compañía, especializada na fabricación de produtos de plástico e PVC, opera en Marrocos desde 1999, mediante a súa filial Ferroplast Maroc, cuxo centro de traballo suma unha superficie de 50.000 metros cadrados na área industrial de Tit Mellil en Casabranca. Ferroplast, líder no espazo ibérico na súa franxa de negocio, ten especializada a súa factoría marroquí na fabricación de tubos e accesorios de PVC e polietileno.

A industria auxiliar do automóbil

O sector galego do metal ten unha importante presenza en Marrocos. A decisión do grupo PSA de pór en marcha diversas plantas de fabricación de automóbiles en Tánxer, Casabranca e máis recentemente en Kenikra, perto de Rabat, levou diversas compañías galegas que traballan desde hai décadas para a multinacional a abrir centros de produción nese Estado. Así, entre estas, atópase o grupo Viza, con dúas factorías en Tánxer destinadas á construción de armaduras de asentos para todos os modelos do vehículo Dacia.

Hispamoldes e Izmar son outras dúas auxiliares galegas de PSA con intereses en Marrocos. A primeira, cuxa central está situada no polígono ourensá de San Cibrao das Viñas, dispón dunha fábrica de 4.400 metros cadrados en Tánxer desde 2012 destinada á produción de moldes de inxección de plástico. A segunda, unha das provedoras de referencia da factoría viguesa de PSA, desenvolve en Marrocos labores de loxística, fundamentalmente de montaxe de contedores de transportes de pezas. A deslocalización ao reino alauita de PSA déixase notar no tráfico de mercadorías ao porto de Vigo, que rexistra importantes movementos con Kenitra.

Exlabesa é un dos xigantes galegos do metal con presenza en Marrocos desde hai máis dunha década. O grupo de Padrón está instalado no Estado do Magreb desde 2006, onde opera desde as súas fábricas de Tánxer coa marca de Kaye Aluminium, sendo actualmente unha das empresas máis importantes do mercado de extrusión de aluminio no país. A compañía, cun cadro de persoal de máis de 200 traballadores, declara que “o principal sector de actividade deste centro de produción é a construción, a onde vai destinada case a totalidade do produto rematado e comercialízase en 70% para sistemas envolventes e en 30% para sistemas industriais”.

Os mariñeiros galegos levan décadas traballando nas augas baixo xurisdición marroquí do Sáhara. Malia o progresivo proceso de reconversión desta frota, continúan desenvolvendo a actividade neste caladoiro cinco arrastreiros e 11 palangreiros con base nos portos de Vigo e Marín.

Ao tempo, a dependencia galega a respecto dos produtos do mar procedentes de Marrocos é moi importante, sendo o 95% do polbo servido no Estado español desa orixe. Neste sentido, importantes operadores galegos da exportación cefalópodos dispoñen de centros de produción no reino aluita.
 

comentarios