Francia imporá o pase de vacinación cando haxa 10.000 hospitalizacións

O Parlamento galo aproba o artigo principal do proxecto de lei que transforma o pasaporte Covid nun pasaporte de vacinación, que se exixirá cando a incidencia da Covid sexa moi elevada para acceder á hostalaría e as actividades de lecer.
Unha muller con máscara pasea polas rúas de París (Foto: Europa Press).
photo_camera Unha muller con máscara pasea polas rúas de París (Foto: Europa Press).

O Parlamento francés votou na noite desta cuarta feira o principal artigo do proxecto de lei que transforma o pase sanitario nun certificado de vacinación, após aplicar varias mudanzas que provocaron o rexeitamento da oposición.

Deste modo, o país galo avanza na aprobación desta medida que suporía a obrigatoriedade para as persoas maiores de 18 anos de mostrar o pase de vacinación para acceder a locais hostaleiros ou actividades deportivas e de lecer, así como para montar nun tren.

Aliás, a Cámara optou por eliminar a posibilidade de que as persoas propietarias de espazos públicos como bares, cafetarías ou restaurantes verifiquen a identidade do propietario do pase de vacinación, a fin de evitar posíbeis fraudes.

O proxecto contou con 242 votos a favor, 69 en contra e 26 abstencións.

"O obxectivo do pase de vacinación é salvar vidas e protexer os nosos hospitais. É unha medida de compostura e responsabilidade, digna dun país que nunca se rendeu. Debemos facer fronte aos nosos inimigos, as variantes Delta e Ómicron, mentres protexemos a cidadanía francesa", dixo o ministro de Sanidade, Olivier Véran.

Só ante o aumento das hospitalizacións

Porén, esta medida só se aplicará cando o número de hospitalizacións no conxunto de Francia supere as 10.000, desaparecendo automaticamente cando o país estea por baixo dese limiar, segundo informa o xornal Le Parisien.

Aliás, o pase de vacinación activarase por baixo dese limiar nos departamentos nos que a taxa de vacinación sexa inferior a 80%, ou se a incidencia da Covid-19 é moi elevada.

Comentarios