Ucraína denuncia a destrución de 30% das centrais eléctricas do país

Edificio danado en Kíiv a segunda feira. (Foto: Ukrinform / dpa)
Ataques rusos provocan apagadas en varias rexións. Pola súa banda, Zeleski informa de que un terzo das centrais eléctricas están fóra de servizo.

Desde o comezo da ofensiva aérea que Rusia atribúe á resposta ao “atentado terrorista” de Ucraína na ponte que une Crimea con Rusia, “30% das centrais eléctricas quedaron destruídas, o que provocou apagadas masivas en todo o país”, asegurou onte o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, que nos últimos días encabezou os chamamentos á poboación para reducir o consumo, amais de acabar coa exportación de electricidade á Unión Europea.

Pola súa parte, o mandatario definiu como “ataques terroristas” os bombardeos das Forzas Armadas rusas “dirixidos ás infraestruturas enerxéticas e críticas de Ucraína”.

Ao longo da mañá, até cinco rexións ucraínas foron alcanzadas polos mísiles e drons rusos, provocando dúas mortes e cortes de auga ou electricidade en Dnipro, Nikolaev, Zhitomir ou Kíiv, apuntan as autoridades locais, mentres o voceiro de Defensa do Kremlin, Igor Konashenkov, sinalou que os obxectivos da xornada foron “sistemas de mando militar e de enerxía en Ucraína, así como arsenais con armamento de produción estranxeira”.

Seguridade nuclear

O director do Organismo Internacional de Enerxía Atómica, Rafael Grossi, considerou “un obxectivo factíbel” que Kíiv e Moscova cheguen a un acordo coa entidade para estabelecer unha zona de protección arredor da central nuclear de Zaporijia.

Grossi desvelou que tanto Zelenski como Vladimir Putin, presidente de Rusia, manifestáronlle a súa disposición para un pacto que acabe cunha “situación tan precaria”, advertindo do risco que supón “un incremento dos intercambios armados na zona”.

Nord Stream

Amais, a Policía dinamarquesa fixo públicas as conclusións da súa investigación sobre a sabotaxe a finais de setembro dos gasodutos Nord Stream, que unen Rusia con Alemaña, ratificando que “potentes explosións” foron as responsábeis, mais non aborda quen son os culpábeis do ataque.

Nese sentido, o voceiro do Kremlin, Dimitri Peskov, reiterou as críticas polo feito de que os expertos rusos non tiveran permitido participar nas pescudas -o que consideran encubrimento- e cualificou de “absurdo” acusar Moscova da sabotaxe, como apuxo a varios países do bloque comunitario.

No plano político, o Parlamento estoniano aprobou unha declaración na que define Rusia como Estado “terrorista” e “patrocinador do terrorismo”.