Proceso ao procés

Turull afirma que o Govern procurou sempre o diálogo e nunca aumentar a "conflitividade" co Estado

[EN ACTUALIZACIÓN] Reanudouse esta terza feira o xuízo ao procés e fíxoo co interrogatorio do fiscal a Jordi Turull, ex conselleiro da Presidencia. Candidato falido no seu momento á investidura como president —non conseguiu o apoio da CUP, que optou pola abstención— é unha das figuras con maior peso político de Junts per Catalunya. Nas súas respostas ao Ministerio Público, enfatizou que en todo momento o Govern procurou o diálogo co Estado e que o movimento independentista catalán é un fenómeno social que vén de abaixo a arriba e non está teledirixido polas cúpulas partidarias.

Captura de pantalla (21)

A peza clave da acusación do MInisterio Público contra Turull está contida nun presunto documento achado nun rexisto policial na morada de Josep María Jové, no seu momento número 2 de Oriol Junqueras na Vicepresidencia e na Consellaría de Economía do Govern, titulado Enfocats e no que se pormenorizan as fases do conflito político co estado e os pasos que daría o movimento soberanista para conseguir a independencia.

Turull afirmou en todo momento que non coñecía o documento, cualificado como "extravagante" e "apócrifo" por Oriol Junqueras durante o seu interrogatorio.

Porén, o fiscal construíu boa parte do seu alegato a partir de extractos de Enfocats e tamén de textos presuntamente escritos por Jové nunha súa axenda en que se consignaban apuntamentos sobre reunións de dirixentes independentistas.

No documento intervido na morada de Jové —tido por falso por parte do soberanismo— aparece unha referencia sobre a hipotética vontade dos axentes independentistas de procurar unha "estratexia de conflitividade" con Madrid. Negouno Turull con enerxía: "Os feitos desmínteno categoricamente. O Govern sempre tentou procurar un acordo co estado".

[NOTICIA EN AMPLIACIÓN]

Comentarios