Trump contempla a hipótese dun cara a cara con Kim Jong-un

O presidente estadounidense declara que se China non presiona a Corea do Norte para que desartelle o seu programa nuclear será EEUU quen o faga

Donald Trump EUA

Donald Trump lanzou un ultimatum a China para que presionase a Corea do Norte co fin de que desartellase o seu programa nuclear. No caso de non ser así, o presidente estadounidense non parece ter problema en actuar en solitario. Mentres tanto, Trump e o presidente chinés, Xi Jinping, planean reunirse esta semana para discutir este e outros temas.

O encontro entre os dous presidentes, previsto para os días 6 e 7 deste mes, vai ter lugar en Florida, no Mar-a-Lago resort. Trump declaraba nunha entrevista de Financial Times que sentía  gran respecto por China e por Xi Jinping e que non estaría sorprendido se deste encontro saíse algo “bo para ambos países”. 

Pese a que as relacións entre EEUU e China non sempre foron as mellores, o presidente estadounidense cre que China debería colaborar por motivos comerciais. De non ser así, Trump non descarta a posibilidade dunha cimeira con Kim Jong-un

Tras estas declaracións, Theresa May insinuaba que quizais Trump debería pensar ben actuar en solitario xa que Reino Unido apoia a acción conxunta con China. Pero May non é a única que ten algo que obxectar ao que parece ser o plan B do presidente norteamericano. Varios expertos no conflicto de Corea do Norte como Jim Walsh, MIT’s Security Studies Programme, explicaban aos medios que as opcións “boas” que existen para que EEUU actúe en solitario nesta cuestión son ínfimas.

A maior parte dos analistas desaconsellan a Trump a vía militar en solitario contra Pyongiang
 
 

Robert Kelly, catedrático da Pusan National University en Corea do Sur, engadía ademais as poucas posibilidades de éxito de EEUU dun posible enfrontamento entre ambas nacións tendo en conta que Corea do Norte se leva preparando para atacar Norteamérica dende o remate da guerra de Corea nos anos cincuenta. Por outra banda, Vivian Zhan, catedrática na Universidade de Hong Kong, declaraba que de ter querido actuar en solitario, EEUU debería telo feito antes de que Corea do Norte desenvolvese o seu programa nuclear, sumándose así a opinión de moitos de que Trump non pode controlar agora mesmo esta situación sen China. 

O principal medo de Estados Unidos é actualmente a posibilidade de que nalgún momento Corea do Norte desenvolva a capacidade de enviar mísiles de longo alcance e chegar a territorio estadounidense.
 
A resposta correcta a estas probas nucleares norcoreanas non está moi clara. No ámbito militar, o secretario de estado, Rex Tillerson, considera que as medidas de prevención militares podían ser unha posibilidade. Porén, para o secretario de defensa, James Mattis, empregar ou preparar calquera tipo de arma nuclear sería reaccionar de xeito excesivo. No plano político, as Nacións Unidas e varios países sancionaron xa Corea do Norte polo seu programa nuclear. Entre as medidas a tomar, actuar contra os países fornecedores de Pyongiang parece ser o camiño máis directo. 

Pese a este escepticismo xeralizado e ás dificultades do seu propio equipo de goberno e da comunidade internacional para atopar unha resposta axeitada a este conflito, o presidente estadounidense respondía convencido que estaba seguro do seu éxito. Non obstante, Trump non quixo dar detalles de que accións tomaría, refuxiándose de novo na súa desconfianza na prensa.
 

Comentarios