Trump anuncia un novo arancel de 10% a socios da OTAN que enviaron soldados a Groenlandia

O gravame de 10% sería imposto a Dinamarca, Noruega, Suecia, Francia, Alemaña, o Reino Unido, os Países Baixos e Finlandia desde o 1 de febreiro, e aumentará a 25% o 1 de xuño.
Donald Trump, presidente dos Estados Unidos. (Foto: Andrew Leyden / Zuma Press)
Donald Trump, presidente dos Estados Unidos. (Foto: Andrew Leyden / Zuma Press)

O presidente estadounidense, Donald Trump, anunciou a imposición dun arancel do 10% sobre todos os produtos enviados aos Estados Unidos para unha serie de Estados, aliados seus na OTAN, que enviaron militares a Groenlandia. Así, o mandatario escribiu que Estados europeos deberán pagar este gravame.

Entre estes Estados están Dinamarca, Noruega, Suecia, Francia, Alemaña, o Reino Unido, os Países Baixos e Finlandia, que segundo Trump, deberán pagar un arancel do 10% sobre todos os produtos enviados aos EUA a partir do 1 de febreiro de 2026. Tamén precisou que o arancel incrementarase ao 25% o 1 de xuño de 2026.

Con todo, non está clara cal será a formula para impor este novo arancel a varios destes Estados, posto que varios deles son membros da Unión Europea e do mercado comunitario, un espazo económico común que mantén unha política comercial conxunta, polo que as palabras pronunciadas por Trump en redes sociais non teñen un encaixe claro sen que isto afecte terceiras partes, como podería o Estado español, e polo tanto Galiza.

"Até que se alcance un acordo para a compra completa e total de Groenlandia"

"Este arancel será exixíbel e a pagar até que se alcance un acordo para a compra completa e total de Groenlandia", engadiu. Ademais, Trump indicou que militares destes Estados "viaxaron" á illa "con fins descoñecidos", xerando "unha situación moi perigosa para a seguridade e a supervivencia" do planeta.

"Por tanto, é imperativo que, co fin de protexer a paz e a seguridade mundiais, se tomen medidas enérxicas para que esta situación potencialmente perigosa termine rapidamente e sen dúbida", salientou o presidente dos EUA. Neste contexto, o inquilino da Casa Branca reiterou que o seu país necesita Groenlandia para a Cúpula de Ouro. "Agora, debido á Cúpula de Ouro e aos sistemas de armas modernas, tanto ofensivos como defensivos, a necesidade de adquirila é especialmente importante", destacou.

Ademais, expresou que Washington está disposto a negociar de inmediato "con Dinamarca e/ou calquera destes países que puxeron tanto en risco, a pesar de todo o que fixemos por eles, incluída a máxima protección, durante tantas décadas". Así o afirmou despois de que varios países de Europa enviaran os seus continxentes a Groenlandia para realizar manobras militares.

Todo isto no medio das tensións cos Estados Unidos de América, causadas polas declaracións ameazantes de Trump de que se apoderará da illa. Con todo, existen dúbidas sobre se a cantidade de soldados enviados é suficiente para exercer algún tipo de disuasión sobre os EUA, pois o Reino Unido enviou só un militar, Finlandia e Noruega decidiron enviar dous oficiais cada un, mentres que Alemaña e Francia trasladaron 13 e 15 soldados.

Comentarios