Trump ameaza Groenlandia e non descarta unha intervención militar para facerse con ela

Con 57.000 habitantes, a illa entre o Atlántico e o Ártico pode exercer o seu dereito de autodeterminación cando o considere
Donald Trump Jr. (no centro), o 7 de xaneiro de 2025 en Groenlandia con dous membros da tripulación do avión do seu pai, o presidente electo dos Estados Unidos, Donald Trump. (Foto: Donald Trump Jr.)
Donald Trump Jr. (no centro), o 7 de xaneiro de 2025 en Groenlandia con dous membros da tripulación do avión do seu pai, o presidente electo dos Estados Unidos, Donald Trump. (Foto: Donald Trump Jr.)

Ao ser preguntado a terza feira sobre se se pode descartar a coerción económica ou militar para lograr o seu obxectivo de controlar Groenlandia, o presidente electo dos Estados Unidos Donald Trump sentenciou que “non me vou comprometer a iso” e que non “podo asegurarllo”, algo que tamén estendeu ao Canal de Panamá, resolvendo que “precisamos Groenlandia por motivos de seguridade nacional”.

O seu primoxénito, Donald Trump Jr., aterrara horas antes no aeroporto de Nuuk, a capital groenlandesa. O Gabinete do segundo territorio rodeado de auga máis grande do mundo após Australia, que está baixo soberanía danesa, trasladou á axencia Reuters que a visita era de carácter privado, así como que non había reunións programadas co Executivo insular. Tanto esta axencia como AP indicaron que o obxectivo da visita era gravar contido para un podcast.

Malia que a Corporación de Radiodifusión de Groenlandia sostivo que se reuniría con Erik Jensen, este último negouno, recolleu o semanario Sermitsiaq, ratificando que se dirixía a Copenhague con outros membros do Gabinete a unhas xuntanzas programadas con antelación. Amais de ser o responsábel de Finanzas do país, Jensen tamén encabeza Cara Adiante, integrado no Goberno liderado polo tamén soberanista e progresista Comunidade do Pobo do primeiro ministro Múte Egede.

Ademais destes dous partidos, o centrista Punto de Orientación, terceira forza no Parlamento groenlandés nas eleccións de 2021, tamén defende a independencia da illa, sumando xuntos 26 dos 31 asentos da Cámara.

En paralelo, coincidindo coa polémica xerada por Trump, a comezos de ano o xefe de Estado danés, o rei Federico X, renovou o escudo real, que tamén é un símbolo do Estado danés.

A principal modificación é o incremento do peso no deseño de Groenlandia e as Illas Feroe, representadas por un oso polar e un carneiro respectivamente. Até o de agora ambos os dous  compartían un dos catro cuartos nos que está dividido. Amais da desaparición do último elemento deste cadro, tres coroas pola unión a mediados do pasado milenio de Dinamarca, Suecia e Noruega, agora os símbolos de Groenlandia e Feroe contan con cadanseu cuarto.

O experto na coroa danesa Lars Hovbakke Sorensen fixo énfase na canle TV2 en que, no contexto da influencia da polémica impulsada por Trump, isto remarca que ambos os dous territorios “son parte do Reino danés e isto non está suxeito a discusión”. Así e todo, na práctica este punto si que está en discusión, especialmente en Groenlandia.

Tras loitar para acabar coa colonización danesa, a illa validou con 76% de sufraxios a favor un referendo en 2008 que lle outorga o dereito de autodeterminación, que pode exercer cando considere, ademais de máis control sobre os recursos, co groenlandés como única lingua oficial.

En 2019, unha enquisa amosou que 67,8% da poboación apoiaba independizarse de Dinamarca nas vindeiras dúas décadas, e catro anos máis tarde o Executivo publicou un borrador dunha Constitución para ser implementada coa emancipación. Nese sentido, as forzas soberanistas que gobernan o país rexeitaron até o de agora pór unha data para ese momento, defendendo prepararse antes para dar o paso.

É precisamente no marco deste proceso no que se insire a inxerencia de Trump en Groenlandia, que xa foi ocupada polos Estados Unidos entre 1940 e 1945 en paralelo á ocupación alemá de Dinamarca na Segunda Guerra Mundial, un período no que os británicos ocuparon as Illas Feroe. Nese momento, Washington construíu unha base aérea no norte do territorio, a máis setentrional coa que aínda conta o seu Exército.

Un obxectivo histórico

En todo caso, a vocación expansionista do republicano, que xa proclamara a súa intención de comprar Groenlandia no seu primeiro mandato entre 2017 e 2021, non é algo novo, pois desde mediados do século XIX os Estados Unidos levaron a cabo varias tentativas de adquirila, nunha estratexia que non prosperou alí mais si nas Antillas Danesas, no mar Caribe, compradas en 1917 e renomeadas como Illas Virxes.

Horas antes da chegada do seu fillo a Nuuk, Trump anunciou a visita canda “varios representantes”, insistindo en que o pobo groenlandés “beneficiarase enormemente" no momento no que se converta "en parte da nosa nación”, ao que se sumou Elon Musk, membro do seu equipo, reiterando que “debería decidir o seu futuro e creo que quere ser parte dos Estados Unidos”.

A finais de decembro, o presidente electo afirmou que por “seguridade nacional e liberdade en todo o mundo” a “propiedade e o control de Groenlandia é unha necesidade absoluta”. “Groenlandia é nosa, non estamos á venda nin nunca o estaremos”, reaccionara Egede.

O líder groenlandés, que busca manter o cargo nas eleccións parlamentarias que como moi tarde deben decorrer o 6 de abril, fixo énfase no seu discurso pola chegada do novo ano en que “xa é hora de que nós propios deamos un paso e deamos forma ao noso futuro, tamén no que respecta a con quen cooperaremos estreitamente e quen serán os nosos socios comerciais”, detallando que “a nosa cooperación co Reino de Dinamarca non logrou crear unha igualdade total” e instando a acabar coas “cadeas do colonialismo”. Ao respecto, “xa se empezou a crear o marco para que Groenlandia se converta nun Estado independente”, asegurou.

Petróleo, uranio, terras raras, pesca e unha posición estratéxica chave

Cando aínda faltan dúas semanas para a súa toma de posesión, á parte de Groenlandia Trump xa fixou outro obxectivo para ampliar as fronteiras estadounidenses: O Canadá. Após a dimisión a segunda feira do primeiro ministro Justin Trudeau, Trump subliñou que a “moitas persoas” do país “encántalles” a idea de incorporarse como o estado 51 dos Estados Unidos, garantindo que “non habería aranceis” e “os impostos baixarían”. Ao Canadá acrecentaríase o canal de Panamá, país ao que ameazou con facerse con el se non reduce as tarifas.

Sexa como for, os intereses estadounidenses son múltiples no caso de Groenlandia, localizada entre os océanos Atlántico e Ártico e considerada a entrada ao segundo, no que o desxeo causado polo cambio climático está a multiplicar as rutas comerciais, polo que para os Estados Unidos é unha peza chave para a súa seguridade, que lle permite amais controlar as actividades doutros actores no Ártico.

Ademais de formar parte da ruta máis curta entre Europa e América do Norte, ese desxeo facilita a explotación dos seus amplos recursos naturais, que se suman á pesca, un dos sectores chave do país, como petróleo, gas natural ou uranio.

Non obstante, o máis importante son as terras raras, un grupo de elementos imprescindíbeis para o sector tecnolóxico e militar. Groenlandia conta cunha cuarta parte das reservas mundiais, que concentra sobre todo a China, nun momento no que se prevé a intensificación da guerra comercial con Washington e apenas un mes despois de que Beijing vetara as exportacións de varios minerais críticos en dirección aos Estados Unidos.

Comentarios