Trump responsabiliza Beijing da falta de avanzos na desnuclearización de Corea do Norte

Guerra comercial e guerra xeoestratéxica. Donald Trump ordenou esta sexta feira o seu secretario de Estado, Mike Pompeo, que cancelase a súa prevista viaxe a Pyongyang. O argumento, que Corea do Norte non estaría a avanzar o suficiente no cumprimento da axenda da súa desnuclearización. Trump incrementa a tensión ao responsabilizar da situación o goberno chinés.

kim
photo_camera Kim e Trump

A acusación de Trump non parece ter moito sentido, sendo que China tiraría evidentes beneficios de que se relaxe a tensión na península coreana. Unha carreira armentista —secuela inevitábel de as hostilidades entre as dúas Coreas se reabriren— non é precisamente o que máis lle convén a Beijing, quen foca todos os seus esforzos en formular unha sorte de globalización alternativa —baseada no comercio, non nos exércitos— á hexemonizada polos EUA.

Mais o mísil dialéctico de Trump foi enviado igual, aínda que atente contra a lóxica. Beijing é a responsábel. E as negociacións de Washington con Pyongyang —froito da histórica cimeira entre o presidente dos EUA e o líder nor-coreano— non se reatarán até que China mude de postura, afirma o inquilino da Casa Branca.

Para Trump, Beijing está a utilizar a carta norcoreana como unha baza na súa guerra comercial cos EUA: mentres Washington non acceda ás súas pretensións —a reducir os aranceis que gravan os produtos chineses—, o Goberno de Xi Jinping non persuadiará o seu aliado histórico para que cumpra o seu compromiso cos norteamericanos.

Mais esta lóxica non resiste moito a análise dos expertos. Así o evidencia, por exemplo, o painel dos consultados por The New York Times. Beijing estaría máis interesado en exportar a Corea do Norte o seu modelo de desenvolvimento —aberto aos investimentos estranxeiros e a existencia dun significativo sector privado na economía— do que en apadriñar o seu poderío militar.

Comentarios