O Tribunal de Contas retorce a lei para prexudicar as forzas soberanistas

Inventa un criterio que logo desfai cando se trata de beneficiar outros partidos, chegando a mentir na Comisión Mixta para xustificar o informe emitido.
uentas_maria_jose_fuente_calle_llegada_comision_mixta
photo_camera A presidenta do Tribunal de Contas, María José de la Fuente, na súa chegada á comisión mixta Congreso-Senado. (Foto: O. Cañas / Europa Press)

A presidenta do Tribunal de Contas do Estado, María José de la Fuente, mentiu na Comisión Mixta entre Congreso e Senado para xustificar a negación das axudas electorais polo envío postal a BNG, Junts, Compromís e Coalición Canaria-Nueva Canarias, mentres que co mesmo criterio eran aceptadas para Navarra Suma, unha coalición de dereitas integrada por Unión do Pobo Navarro, Ciudadanos e o Partido Popular.

A xurisprudencia actual está marcada por un acordo da Xunta Electoral Central do 21 de decembro de 2017 diante da solicitude de formacións que constituíron un grupo parlamentar xunto con outras formacións, “sobre o dereito a recibir a subvención por envíos electorais do artigo 175.3”, sinala o documento, no que ratifica que “as formacións que constituíron grupo parlamentar teñen dereito a percibilo”.

Este acordo baseouse nunha sentenza do Tribunal Supremo do 19 de xullo de 2017 que anulaba os intentos da Mesa do Senado en 2016, cando estaba controlada polo Partido Popular, de impedir a constitución no Senado do Grupo Parlamentario catalán.

O auto declara que “foi vulnerado o seu dereito a exercer as funcións representativas” e obrigou a permitir a constitución do grupo, que especificaba os prexuízos da perda de subvencións ás que tiñan dereito.

A pesar disto, na súa intervención na Comisión Mixta e respondendo ás preguntas do deputado do BNG, Néstor Rego, De la Fuente reiterou que estas resolucións da Xunta Electoral Central e do Tribunal Constitucional se referían “á posibilidade de constituír grupo parlamentario no Congreso e no Senado, non á percepción da subvención electoral”, remarcando que “son dúas cuestións totalmente distintas”.

O Tribunal aplica a lei nos seus propios termos

Na comparecencia, De la Fuente, que forma parte do Tribunal de Contas desde 2012 e foi elixida a proposta do Partido Popular, chegou a sinalar que “o Tribunal de Contas aplicou nos seus propios termos a lei”, cando a súa tarefa é só aplicar a lexislación doutros órganos do Estado.

Esta normativa, ao ter carácter electoral, debe ser interpretada pola Xunta Electoral Central, polo que o Tribunal de Contas non ten capacidade para facelo e decidir de modo arbitrario a quen lle concede ou non as subvencións electorais.

O artigo 175.3 da Lei Orgánica do Réxime Electoral, o alicerce da norma que logo interpretan o Tribunal Constitucional e a Xunta Electoral Central, indica que se aboarán 0,18 euros por voto se a candidatura tivese o número de votos preciso “para constituír un Grupo Parlamentar”, mais non especifica as condicións nas que esa candidatura pode conformar o grupo ou que teña que ser unha  agrupación dunha soa formación política, polo que as resolucións do Tribunal Constitucional e da Xunta Electoral Central desenvolven a única interpretación posíbel en tanto eses órganos non cambien de parecer.

Favores a grupos afíns

O criterio utilizado para excluír formacións soberanistas, como o BNG, Compromís, Junts e Coalición Canaria-Nueva Canarias, non se aplicou en cambio a formacións menos críticas co devir do Estado, como Navarra Suma, unha coalición rexional conformada por Ciudadanos, Partido Popular e Unión del Pueblo Navarro, que desde 1982 se presenta ás eleccións conxuntamente co PP.

Navarra Suma non constituíu despois das eleccións de novembro de 2019 ningún grupo parlamentar, limitándose a integrar o grupo Mixto, que xunta as formacións sen grupo parlamentar específico. Isto non foi impedimento para que o Tribunal de Contas lle brinde máis de 85.000 euros polos envíos postais durante a campaña electoral.

Tamén no grupo Mixto, a formación asturiana Foro, que se presentou co Partido Popular nese territorio, achégase aos 150.000 euros de subvencións neste concepto; ao tempo que o Partido Rexionalista de Cantabria recibirá case 42.000 euros.

Para Rego, esta “actuación semella motivada por unha posición política incompatíbel co rigor e imparcialidade que debería ter o Tribunal de Contas”. Amais, acusouno de extralimitarse nas súas funcións para denegar a subvención de modo "arbitrario", e comprometeuse a seguir reclamando por todas as vías o que é xusto.

Comentarios