Contas detecta "deficiencias estruturais" ano tras ano nos orzamentos da Xunta

O informe do Tribunal de Contas detecta "deficiencias estruturais" nas contas da Xunta de 2017, que se repiten "ano tras ano".
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez (Foto: Europa Press)

O Tribunal de Contas detecta "deficiencias estruturais" nas contas da Xunta de 2017, que se repiten "ano tras ano" e dan lugar a modificacións "nos mesmos programas orzamentarios" ao longo do tempo. Esta é unha das conclusións que se recollen no 'Informe global do sector público autonómico, exercicio 2017', que realiza o Tribunal de Contas do Estado.

O documento apunta a que as modificacións do exercicio 2017 foron por uns 485 millóns, polo que se incrementou o orzamento inicial en 4,5%, "parámetros lixeiramente superiores" aos de 2016, aínda que por baixo dos catro anos anteriores, que "fluctuou entre 12,2% e 6,8%". Respecto diso, Contas lembra que a lei "exixe que cando se tramiten expedientes de modificacións orzamentarias débese expresar ineludibelmente o impacto que esas modificacións poden ter nos obxectivos de gasto programados".

Con todo, nos expedientes de modificacións orzamentarias examinados "obsérvase que, en numerosas ocasións, ou ben non se realiza unha adecuada valoración -afirmando que este impacto non existe- ou ben indícase que a modificación contribúe positivamente á consecución dos obxectivos". E Contas afea que "esta valoración xenérica non atende á indicada exixencia normativa".

Entre outros reproches, apunta “á práctica recorrente de tramitar ampliacións de crédito aludindo ao maior endebedamento ou capacidade de endebedamento en termos xenéricos, sen sinalar en cada expediente concreto a fonte específica de financiamento que o sustenta".

O informe sinala que a Memoria da Conta Xeral da Galiza e dos organismos autónomos "presenta unha información insuficiente para dar cumprimento á súa función de completar, ampliar e comentar o resto de estados contábeis, limitando así a transmisión da información contábel aos seus usuarios".

Tamén apunta a que nove fundacións e dous consorcios do sector público autonómico non renden contas. 

Neste informe de máis de 200 páxinas, outro dos avisos que se realiza a Galicia é que a Intervención Xeral, centro directivo encargado da contabilidade, "non conta cun sistema que dea cobertura específica e integral a cada un dos proxectos financiados cos Fondos de Compensación Interritorial (FCI), de tal forma que vincule as operacións de gastos efectuados, pagos materializados, peticións de fondos efectuadas, ingresos recibidos e cobranzas realizadas".

Comentarios