O Tribunal de Contas deixa o BNG e En Común sen subvención pese a obteren escano nas estatais

O informe do Tribunal de Contas penaliza as candidaturas non estatais e considera que nin o BNG nin Galicia en Común deben recibir subvención polo envío de propaganda electoral nas eleccións de 2019, a diferenza de PP e PSOE que si a terán. E todo, pese a que tanto unhas forzas como outras obtiveron representación na Cámara Baixa.

Eleccións.
photo_camera Contas deixa sen subvención por envío de 'mailing' a BNG e Galicia en Común (Foto: Europa Press)

O BNG e Galicia en Común-Unidas Podemos viron denegadas as subvencións polo envío postal de material electoral nos comicios ás Cortes Xerais de novembro de 2019, aínda que ambas as forzas obtiveron representación parlamentar.

O feito de que nin o Bloque nin a coalición de Podemos e Esquerda Unida alcanzasen os requirimentos para configurar grupo propio (os primeiros están no Grupo Plural e os segundos no grupo de Unidas Podemos) “impiden” que os gastos derivados do envío por correo de propaganda electoral sexan subvencionábeis, segundo di o informe de fiscalización elaborado polo Tribunal de Contas do Estado sobre os gastos das formacións políticas que concorreron ás eleccións estatais de novembro de 2019, e que decorreron meses despois de fracasar a configuración de Goberno tras os comicios de abril dese mesmo ano.

O documento analiza as contas electorais dos partidos que se presentaron á cita coas urnas de 10 de novembro. No caso da Galiza só se pode extraer a información do BNG e Galicia En Común dado que Contas estuda os balances económicos das formacións con carácter xeral e, por tanto, non ofrece datos desagregados por circunscricións daquelas candidaturas que se presentan en todo o Estado.

O informe determina que tanto o Bloque como a alianza entre Podemos e EU cumpriron cos requisitos formais para xustificar as súas contas nunhas eleccións nas que a coalición manexou un orzamento maior que os nacionalistas, con 340.000 euros dos primeiros polos 225.000 euros dos segundos, que regresaron ás Cortes tras o 10 de novembro despois de catro anos sen representación.

Con todo, ambas as formacións comparten a negativa para percibir unha subvención para os gastos derivados do envío por correo de propaganda, conceptos en que gastaron 170.000 euros a coalición Galicia en Común e 104.000 euros a formación nacionalista.

Neste sentido, o Tribunal de Contas determina que ao non alcanzar os requisitos para configurar grupo propio no Congreso (polo menos 15 deputados ou cinco parlamentares no caso de lograr o 15% dos votos nas circunscricións ou 5% dos sufraxios a nivel estatal) nin BNG nin En Común son susceptíbeis de recibir subvencións polo 'mailing'.

Nas súas alegacións, o BNG argumentou que a súa integración no Grupo Plural no Congreso amparaba a posibilidade de percibir estas contías, unha xustificación rexeitada por Contas, que considera que "non se debe confundir" a posibilidade de que varias formacións se unan para constituír un grupo parlamentar co feito de que unha soa acceda aos requirimentos estabelecidos na lei electoral para constituír grupo propio e, deste modo, recibir subvencións ao envío de propaganda electoral.

Comentarios