luns 01/03/21

CIS: O PSOE volvería ser a forza máis votada nunhas eleccións estatais nas que baixan PP, Vox e UP, e subiría o BNG

PP e Vox compiten por ser a principal forza da dereita.

O Congreso, onte, no debate sobre a prórroga da alarma (Imaxe: Pool)
Imaxe de arquivo do Congreso (Foto: Pool)

O BNG sobe até o 0,7% en estimación de voto nunhas eleccións estatais, dúas décimas superior ao 0,5% rexistrado polo Barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente do mes anterior. En relación ao barómetro de xaneiro, a formación nacionalista tamén rexistra un incremento no apartado de intención directa do voto, que pasa do 0,5% ao 0,6% do total estatal.

Nas eleccións xerais de 2019, o BNG superou a barreira e logrou un 0,5 por cento de votos, de forma que obtivo representación no Congreso cun deputado ao sumar máis de 120.000 votos.

No conxunto estatal, o CIS mantén na cabeza ao PSOE cunha estimación de voto do 30,7% ( nas eleccións novembro de 2019 tivo 28%) e ampliando a case doce puntos a súa vantaxe sobre o PP, que queda no 18,8% após baixar case dous puntos nun mes. Nos comicios de 2019 tivera case 21%

A enquisa, realizada coincidindo coa campaña das eleccións catalás, sitúa de novo en terceiro lugar a Vox, cun 13,6%, medio punto máis que no mes anterior pero por baixo dos seus resultados do 10-N (15%), seguido de Unidas Podemos co 11,2% (tivera 12,9% dos votos en 2019).

Ciudadanos repite na quinta posición co 9,3%, a mesma porcentaxe que en xaneiro. ERC móvese nos niveis de apoio que tivo nas eleccións do 10-N, 3,5%; ao igual que Junts ou o PNV. Eh Bildu e CUP obterían 0,8 e 0,9%dos votos respectivamente. 

comentarios