Xustiza

A Fiscalía oponse a investigar a Puigdemont por terrorismo e acusa García-Castellón de basearse en "meras conxecturas"

A tenente fiscal do Supremo pide devolver a causa á Audiencia Nacional porque non ve indicios suficientes contra o ex president catalán nin contra o parlamentario Ruben Wagensberg.
O ex president catalán e eurodeputado Carles Puigdemont. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex president catalán e eurodeputado Carles Puigdemont. (Foto: Europa Press)

A tenente fiscal do Tribunal Supremo (TS), María Ángeles Sánchez-Conde, presentou esta quinta feira o informe final no que se opón a que na causa de 'Tsunami Democràtic' sexa investigado por terrorismo o ex president catalán Carles Puigdemont, pola súa presunta implicación nos disturbios atribuídos á plataforma independentista no outono de 2019 en sinal de protesta pola sentenza do 'procés'. No seu informe, de 31 páxinas e ao que tivo acceso a axencia Europa Press, Sánchez-Conde pide que se devolva á Audiencia Nacional (AN) a causa ao considerar que neste momento non hai indicios suficientes de criminalidade contra Puigdemont e mais o deputado de ERC no Parlament Ruben Wagensberg, polo que solicita que se arquive.

A tenente fiscal enviou esta mañá o seu documento á Sala Segunda do Supremo, un texto no que tamén solicita que se declare a falta de competencia do Supremo para a instrución e, no seu caso, o axuizamento sobre as persoas investigadas que non son aforadas. Segundo indicou a Fiscalía Xeral do Estado nun comunicado, o informe remitido ao Supremo recolle a postura procesual do Ministerio Fiscal nesta causa.

Desta forma, Sánchez-Conde aliñouse co criterio do fiscal da Audiencia Nacional Miguel Ángel Carballo —quen estivo a cargo da causa— e do fiscal do Supremo Álvaro Redondo —quen presentou un primeiro informe ante a xunta de fiscais da sección primeira da Sala do Penal do TS que foi desestimado por maioría—. O informe definitivo da Fiscalía apunta tamén que a atribución do delito de terrorismo por parte do xuíz Manuel García-Castellón está baseada en "meras sospeitas e conxecturas".

Foi o pasado 6 de febreiro, cando 15 membros da citada xunta apreciaron, por 11 votos fronte a 4, que había indicios suficientes para proceder contra Puigdemont e Wagensberg —ambos os dous aforados— e, por 12 a 3, que pode haber delitos de terrorismo. Desta forma, tombaron o informe redactado por Redondo, que por contra entendeu que non hai indicios racionais de criminalidade contra Puigdemont e Wagensberg, e tampouco apreciou delitos de terrorismo, senón de desordes públicas graves, falsidade documental, coaccións e danos.

Con todo, os dous presidentes da sección primeira, Fidel Cadena —un dos catro fiscais do xuízo do 'procés'— e Joaquín Sánchez-Covisa, mostraron posturas enfrontadas: o primeiro, en contra do informe de Redondo e o segundo, a favor, o que propiciou que fose a súa superior xerárquica, Sánchez-Conde, quen tivese que resolver o conflito unificando o criterio da Fiscalía neste asunto.

Para redactar o seu informe, Sánchez-Conde reclamou aos fiscais do Supremo que se mostraron a favor de investigar Puigdemont por terrorismo que lle facilitasen un documento que recollese as súas conclusións. Cadena presentou o informe de 14 folios no que defende a necesidade de imputar o ex presidente catalán tendo en conta que a exposición razoada do xuíz apunta a el como líder "absoluto" de 'Tsunami Democrátic' polo seu "patrocinio intelectual e ético".

Agora que a tenente fiscal do Supremo emitiu o informe definitivo do Ministerio Público, o texto elevarase á Sala do Penal do Supremo, onde o maxistrado Juan Ramón Berdugo será o encargado de estudar o asunto para despois argumentar ante os demais maxistrados se procede ou non dar curso á exposición razoada na que o pasado novembro o titular do Xulgado Central de Instrución Número 6, Manuel GarcíaCastellón, pediu ao alto tribunal que imputase Puigdemont por terrorismo.

Comentarios