Unha Syriza dividida realiza en setembro un Congreso extraordinario

Máis de 12 horas de debate no Comité Central deixaron unha maioría de apoios á data defendida por Tsipras, que quer chegar a esa cita co 3º resgate asinado, fronte aos 'críticos', que pedían que fose xa. Demitiron 17 membros do CC

Syriza realizará un Congreso exteaordinario en setembro, unha vez finalizadas as negociacións para un terceiro resgate de Grecia. A decisión do Comité Central de Syriza apoia a tese defendida polo primeiro ministro Alexis Tsipras fronte aos críticos da 'Plataforma de Esquerda' que defendía que ese congreso fose xa para decidir se seguir ou non con esas negociacións de resgate. Foron máis de 12 horas de Comité Central, unha xuntanza que decorreu nun acalorado debate e no que a división do partido ficou clara: 17 membros do CC -integrado por volta de douscentos representantes- demitiron e nunha carta feita pública na reunión acusaban Syriza de se tornar nun “partido dos programas de resgate”.

Panoyatis Lafazanis, ex-ministro de Enerxía e un dos voceiros do sector crítico, acusou o goberno heleno de “elevar o euro a un dogma relixioso” mentres que Tsipras insistía en que Grecia non tiña outra alternativa pois se non iría cara a unha “quebra incontrolada”. Lafazanis sinalou o sen sentido de realizar un congreso após asinar un resgate, o que cualificou de “burla” e preguntouse se “esta é a democracia que queremos, a ditadura do euro?”.

O primeiro ministro pediu tempo para debater a estratexia de Syriza e propuxo o congreso en setembro, cunha elección de delegad@s que representen a nova militancia, que se triplicou desde que este partido chegou ao poder.

Comentarios