Sobe a presión contra o presidente portugués polo caso das xemelgas

Case 60% cre que houbo influencias indebidas.
Rebelo de Sousa (dereita), nun acto a finais da semana pasada. (Foto: Presidência da República de Portugal)
photo_camera Rebelo de Sousa (dereita), nun acto a finais da semana pasada. (Foto: Presidência da República de Portugal)

Un traballo demoscópico publicado hoxe nos xornais portugueses Jornal de Negócios e Correio da Manhã revela que 58,9% das persoas que participaron na enquisa considera que o presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, do conservador Partido Social Democrata, intercedeu para que dúas xemelgas luso-brasileiras recibiran un tratamento de dous millóns de euros nun hospital público de Lisboa. A súa nai é unha persoa próxima á parella do fillo do presidente, Nuno Rebelo de Sousa.

Asemade, 61,7% defende que se acaba por probarse esa influencia o mandatario debe dimitir.

As consultas para o estudo desenvolvéronse antes de que na fin de semana transcendera que o ex secretario de Estado da Saúde, António Lacerda, reuniuse en dúas ocasións con Nuno, nunha delas para abordar o caso das xemelgas. A maioría absoluta do Partido Socialista impediu a pasada semana que prosperara unha petición parlamentaria para que o fillo de Rebelo de Sousa comparecese no lexislativo.

A nai das crianzas, Daniela Martins, admitiu á canle RTP que tivo a “impresión” de que recibiu “algunha axuda”.

Comentarios