ANÁLISE

Siria, unha vitoria entre a devastación

Cando se vén de iniciar o noveno ano da guerra, Siria ve máis próximo o seu final. A derrota militar do terrorismo salafista e a recuperación do control sobre a práctica totalidade do territorio por parte do Goberno de Bashar Al Assad, abren a porta á fin do conflito e ao inicio dunha tarefa inda maior: a reconstrución dun país devastado. Eis un extracto da análise, publicada no número 340 de Sermos Galiza.

6

mini_3O conflito armado na Siria encara o seu noveno ano con visos de atinxir unha resolución definitiva após as forzas gobernamentais e as milicias curdas teren logrado recuperar o territorio de Baghouz, no noroeste, que ficaba sob o control de Daesh. A guerra iniciada tras as revoltas desatadas a mediados de marzo de 2011 nunha falida extensión das chamadas primaveras árabes, acabou por se tornar nun conflito de alcance internacional.

A proclamación do chamado "Califato Islámico" por parte do Daesh traduciríase na toma, pola forza, dun terzo do territorio sirio. Aliás, a intervención militar por parte dos EUA e as súas potencias satélite en contra do Goberno de Bashar Al Assad, á que se engadiu a interferencia interesada de Turquía, dimensionaron a escala mundial o conflito no que Rusia e O Irán se debruzaron como principais aliados e parceiros da Siria.

A guerra en curso ten, xa que logo, un evidente alcance xeopolítico e xeoestratéxico, na medida en que o seu desenlace incidirá na correlación de forzas nunha rexión chave. O final do conflito pasará por resolver cuestións tan importantes como complexas, a respeito do futuro do pobo curdo na Siria, os equilibrios na rexión ou como se acometerá a billonaria reconstrución dun país practicamente destruído por case unha década de combates.

O conflito saldouse con 5,7 millóns de persoas refuxiadas desprazadas por todo o mundo, dos que case a metade son menores. A meirande parte fuxiu até Turquía, Líbano, Xordania, Iraq e o Exipto. A estas engádense 6,2 millóns de desprazadas e desprazados no propio interior do país. Até o momento xa retornaron un millón e medio mais o proceso será inda demorado. As Nacións Unidas estiman que este 2019 volverán ao país 250.000 sirios e sirias, o que presenta importantes retos para un país que ten dous terzos das súas principais infraestruturas destruídas.

[Podes ler a análise íntegra no número 340 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios