A sentenza polo ouro de Venezuela pon en dúbida a resgarda de divisas en Inglaterra

O Tribunal Supremo do Reino Unido decidirá en breve o destino de 31 toneladas de ouro de Venezuela, que reclama a súa repatriación para sufragar a loita contra a Covid-19. Ao tempo, o Goberno británico empurra para que Guaidó e a oposición venezolana sexan nomeados propietarios legais dese ouro.
Bóveda do Banco de Inglaterra dedicada a resgardar ouro nunha imaxe de arquivo. (Foto: Bank of England)
photo_camera Bóveda do Banco de Inglaterra dedicada a resgardar ouro nunha imaxe de arquivo. (Foto: Bank of England)

30 Estados do mundo, especialmente desde o río Bravo cara ao sur, agardan a decisión do Tribunal Supremo do Reino Unido sobre os 1.500 millóns de euros en ouro, propiedade de Venezuela, que o Goberno dirixido por Nicolás Maduro quere repatriar para facer fronte aos gastos derivados da pandemia da Covid-19.

Unha quinta parte dos lingotes de ouro dos bancos centrais do planeta están en Londres, apunta a BBC, 6.256 toneladas cun valor de 248.000 millóns de dólares. O Banco de Inglaterra, a institución na que ten a conta o Banco Central de Venezuela, acumula 5.134 toneladas de ouro. Suecia, Portugal, Países Baixos ou Alemaña teñen parte das súas reservas de ouro no banco inglés, mais tamén México, Arxentina, Ecuador, Bolivia ou o Perú.

No caso de que o Supremo opte por manter a liña na que o Goberno británico está a empurrar -esta semana reiteraron o seu recoñecemento a Juan Guaidó como presidente lexítimo da República Bolivariana de Venezuela-, “estaríase a consolidar unha verdadeira arma xurídica colonial que pon en risco as reservas internacionais dos países que inxenuamente confiaron no Reino Unido para resgardar os seus recursos soberanos”, advirte Ociel Alí López, sociólogo e profesor da Universidade Central de Venezuela.

O litixio no Reino Unido

Malia que estaba previsto que as audiencias coas avogacías do Executivo venezolano e do opositor Juan Guaidó rematasen onte, a pasada cuarta feira xa se escoitaran todos os argumentos. “Encomendóusenos un exixente traballo de exame. Levaranos algún tempo considerar todos os argumentos e emitir o noso xuízo”, anunciou o presidente do tribunal, Robert Reed.

Xa pasaron tres anos da primeira solicitude de Venezuela de repatriar o ouro, que foi bloqueado pola decisión do Goberno que agora lidera Boris Johnson de recoñecer a Guaidó. Desde o Executivo de Venezuela reitérase que ese suposto Goberno non ten ningunha clase de control “sobre o territorio ou a poboación, nin sequera unha sede, é un Goberno inventado”.

A aparición da Covid-19 incidiu nos efectos das sancións contra Venezuela impulsadas polos Estados Unidos, defende Maduro, polo que desde o comezo da pandemia multiplicáronse os esforzos para recuperar as divisas.

Denuncia en 2020

En maio de 2020, Samuel Moncada, embaixador de Venezuela na Organización das Nacións Unidas (ONU), fixo público que a República Bolivariana denunciara o Banco de Inglaterra “por roubar 31 toneladas de ouro venezolano”, despois de que a entidade se negara a transferir os fondos directamente ao Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, para afrontar as consecuencias da Covid-19.

En xullo, o Supremo negou a Venezuela acceso ao seu ouro, que supón un 15% das reservas en divisas coas que conta o Estado, indican fontes oficiais, amais de non recoñecer a Maduro como presidente de Venezuela. A pesar do recoñecemento oficial a Guaidó, Moncada salientou que o Reino Unido ten relacións oficiais co Executivo venezolano e mantén con normalidade a súa presencia diplomática en Caracas, do mesmo xeito que Londres acolle a embaixada venezolana.

O Tribunal de Apelacións do Reino Unidos anulou dous meses despois a decisión do Supremo tras o recurso do Banco Central de Venezuela, que cualificara de “absurda e insólita” a primeira resolución, e devolvía o caso ao Supremo para que estudase as relacións diplomáticas entre Londres e Caracas, argumentando que o recoñecemento de Guaidó por parte do Reino Unidos como mandatario “de iure” non excluía que Maduro continuase “de facto” dirixindo a República.

“Cada minuto e hora que pasa significa persoas que poden perder a vida polo virus, e Venezuela require dos seus recursos, non que unha camarilla de ladróns de pescozo branco os roube”, afirmou ao comezo do xuízo Delcy Rodríguez, vicepresidenta de Venezuela.

Pola súa banda, Guaidó, que non é recoñecido presidente nin pola Unión Europea nin pola ONU, reclama que non se brinde o ouro a Venezuela porque “sería usado para a corrupción”.

Xurisprudencia

Ademais de normalizar esta nova xurisprudencia colonial, Alí López destaca que un fallo en contra de Venezuela “incentivaría as aventuras de gobernos paralelos sen maior poder que os cartos aos que poderían acceder nalgún banco europeo”, o que posibilitaría deslexitimar a custodia de ouro do Banco de Inglaterra e “estimular os países en cuestión a ir pedindo unha devolución paulatina das súas reservas, por medo a situacións semellantes”.

O mercado do ouro en Londres

Desde que o Banco de Inglaterra abriu a súa primeira bóveda de seguridade en 1732, varios Estados resgardan alí as reservas dos bancos centrais.
Isto é debido, por unha banda, ao custo asociado a ter un espazo con seguridade dabondo, e pola outro, á facilidade de usar esas reservas de maneira rápida sen ter que transportalas.

Nin vacinas nin XXOO polas sancións

A comezos de mes, Maduro exixiu á Covax (o mecanismo da Organización das Nacións Unidas para o reparto de vacinas) que entregue as vacinas ou que devolva os cartos a Venezuela. Todo isto tras pagar 120 millóns de dólares a un banco internacional designado por Covax, que decidiu bloquear estes fondos froito das sancións impostas por Estados Unidos en contra de Venezuela.

Na noite desta cuarta feira, o presidente denunciou que Venezuela pagou para retransmitir os Xogos Olímpicos de Toquio, pero "a persecución financeira dos bancos impide á comisión organizadora cobrar o diñeiro" debido ao "empeño imperial dos Estados Unidos de perseguir todas as contas de Venezuela", explicou o mandatario.

Comentarios