O ouro venezolano que retén o Banco de Londres será para alimentos

Desde 2018, Venezuela tentou en varias ocasións retirar o ouro que ten na institución británica polo temor ás sancións internacionais e posíbeis embargos económicos. Ese é o motivo para que a institución bancaria se nega a mobilizar os lingotes e polo que foi demandada ante a xustiza.
banco_inglaterra
photo_camera O Banco de Inglaterra, en Londres (Nós Diario)

O Banco Central de Venezuela (BCV) acordou co Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) destinar parte do ouro depositado no Banco de Inglaterra á compra de medicinas, equipos médicos e alimentos para enfrontar a pandemia da COVID-19.

A información deuna a coñecer o presidente do BCV, Calixto Ortega: "Non é a miña palabra, non é que estea a dicir que vou comprar alimentos, medicinas e equipos médicos. Son as Nacións Unidas quen o están dicindo e eles non se van prestar a nada escuro, que non sexa neutral, independente", afirmou en declaracións á axencia de noticias Reuters.

O Goberno de Venezuela, que ameazou con levar o caso ante a Corte Penal Internacional (CPI) por "exterminio e lesa humanidade" neste momento de necesidade pola pandemia, demandou ante a xustiza británica o Banco de Inglaterra por negarse a devolverlle o 31 toneladas de ouro que ten depositado nas súas bóvedas.

Desde 2018, Venezuela tentou en varias ocasións retirar o ouro que ten na institución británica polo temor ás sancións internacionais e posíbeis embargos económicos. Precisamente ese é o motivo para que a institución bancaria se negue a mobilizar os lingotes, equivalentes a máis de 1.000 millóns de dólares.

"Implicación de Guaidó"

Ademais, a vicepresidenta Executiva de Venezuela, Delcy Rodríguez, denunciou esta semana que a manobra do Banco de Inglaterra, co propósito de desposuír Venezuela dos seus activos, dáse en colusión cun grupo dirixido polo líder da oposición e autoproclamado presidente, Juan Guaidó.

Onte, segundo informou a canle de noticias rexional TeleSur, estaba prevista a primeira audiencia dun xuízo que se espera dure poucas semanas. 

Comentarios