Sánchez pide "comprensión" á cidadanía polos indultos

"Magnanimidade" e "comprensión" reclamou onte o presidente Pedro Sánchez á cidadanía sobre os indultos aos presos condenados polo procés. As declaracións do mandatario chegaron onte desde a Arxentina e a tan só catro días de que decorra a manifestación do ultraespañolismo en Colón, Madrid.
O presidente español, Pedro Sánchez, xunto ao seu homólogo arxentino, Alberto Ferández. (Foto: Moncloa)
photo_camera O presidente español, Pedro Sánchez, xunto ao seu homólogo arxentino, Alberto Fernández. (Foto: Moncloa)

Sen valados nin fronteiras. É indiferente onde se atope o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e por moito que cambie de continente a cuestión dos indultos ás presas e presos cataláns condenados polo procés segue a ocupar 100% da axenda política española e a centrar as preguntas dos medios. 

De facto, hoxe mesmo, e ás portas de que o sábado decorra a manifestación de Colón (en Madrid) convocada polo ultraespañolismo contra os indultos, Sánchez foi abordado sobre esta cuestión pola prensa na súa visita á Casa Rosada de Bos Aires, onde se entrevistou co presidente arxentino, Alberto Fernández.

Nunha rolda de prensa conxunta, o mandatario español foi preguntado polos medios sobre a carta que o líder de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Oriol Junqueras, fixo pública esta semana e na que avala os indultos e considera non desexábel unha vía cara á independencia que non pase polo referendo pactado co Estado. 

En resposta ás preguntas, Sánchez aplaudiu a carta do republicano porque "calquera paso a favor da distensión é benvido", e admitiu que "pode haber cidadáns que poidan ter reservas sobre esta decisión" despois do procés de outubro de 2017, as leis de desconexión ou a declaración unilateral de independencia.

A estas persoas pediu que "teñan confianza, temos que facer unha aposta pola convivencia e a reparación", aseverou. Apelou así a transitar "dun mal pasado a un futuro mellor", o que "implica tamén magnanimidade". O mandatario español recalcou este concepto: fai falla "comprensión", "magnanimidade" e "pasos de distensión".

Pese a que non quixo pronunciarse sobre o calendario, insistiu en que o primeiro que terá lugar será a reunión bilateral co president catalán Pere Aragonès na Moncloa e "despois xa veremos cando se ten que realizar" a mesa de diálogo

En canto aos rumores sobre a remodelación do Executivo español coa chegada do verán, Sánchez limitouse a afirmar que está "concentrado" na vacinación e a recuperación económica.

Comentarios