luns 18/10/21

Sánchez empraza Aragonès a falar de financiamento e dentro do marco autonómico

Pedro Sánchez e Pere Aragonès reuniranse a vindeira terza para avanzar na resolución do conflito político en Catalunya. A reunión chega após a saída da cadea das e dos líderes independentistas presos. Porén, o mandatario español anunciou nesta sexta feira que todo o que ten previsto falar non se moverá do marco constitucional. 
O presidente español, Pedro Sánchez, en rolda de prensa no Consello de Europa (Foto: Alexandros Michailidis / DPA)
O presidente español, Pedro Sánchez, en rolda de prensa no Consello de Europa (Foto: Alexandros Michailidis / DPA)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, irá á reunión da vindeira terza feira, 29 de xuño, co mandatario catalán, Pere Aragonès, co obxectivo de comezar a traballar de novo na Axenda para o Reencontro que xa expuxo hai un ano, e que está composta de propostas sobre investimentos, financiamento e outros asuntos que responden a reclamacións dentro do marco constitucional. Sánchez defendeu que, tras escoitar xa as "proclamas" e as "reclamacións de Aragonès e os partidos independentistas que conforman o Govern, agora é momento de traballar xa sobre propostas que si respecten o pacto constitucional".

"A partir de aí podemos falar", afirmou, tras recalcar que "o Goberno sempre vai salvagardar o cumprimento desa legalidade" e que, por iso, no seu encontro con Aragonés volverá expor a Axenda para o Reencontro que elaborou o Executivo estatal en febreiro de 2020 tras facer "o exercicio de saber cales eran as reclamacións que fixeran os presidentes cataláns dentro da legalidade".

Tempo para o castigo, tempo para o perdón

Ante as preguntas dos medios, Sánchez volveu defender os indultos ás e aos presos políticos cataláns condenados polo procés. "O útil no pasado foi o castigo e agora é o perdón", xustificou o dirixente socialista.

Neste sentido, quixo remarcar que, como pasaron "44 meses en prisión", agora toca abrir unha nova etapa de diálogo e entendemento. 

O PP reprende a Igrexa 

A Igrexa "sempre estivo polo perdón dos pecados", dixo esta sexta feira, 25 de xuño, o senador do PP e ex portavoz no Congreso, Rafael Hernando, mais subliñou que os políticos independentistas cataláns indultados "non cumpren os requisitos para ese perdón". Por iso, cualificou de "grave erro da Igrexa" a declaración da Conferencia Episcopal Española avalando os indultos. 

En concreto, o portavoz da Conferencia Episcopal, Luís Argüello, afirmou que os bispos españois están cos seus homólogos cataláns "polo diálogo", ao ser preguntado pola medida de graza e a postura das dioceses catalás, favorábeis aos indultos.

UrKullu demanda actualizar o estatuto vasco

O lehendakari Iñigo Urkullu defendeu esta sexta no Parlamento vasco a reactivación do debate sobre o novo status de Euskadi. O presidente asegurou que, "ademais de cumprido", o estatuto "debe ser actualizado" e comprometeuse a "alargar ao máximo o acordo" para a súa renovación. Valorou positivo reavivar o debate sobre a actualización do autogoberno e lembrou que a disposición adicional do Estatuto recolle a posibilidade desa actualización.

Aliás, defendeu que a procura de acordos debe darse no Parlamento e explicou que neste momento de transformacións globais calquera país ha de tentar contar co maior número de ferramentas posíbeis para facerlle fronte.

comentarios