Os presos políticos cataláns abandonan a prisión: “Non existe o indulto que faga calar o pobo de Catalunya”

Ficaron en liberdade na mañá desta cuarta feira após os indultos do Goberno español e tras máis de tres anos de prisión.

Os presos políticos cataláns ao saír do cárcere en 2021 (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Os presos abandonan a prisión (Foto: Kike Rincón)

Tal e como estaba previsto, este mediodía empezaron a saír do cárcere os nove presos políticos cataláns en relación ao ‘procés’. A primeira en abandonar a prisión foi a  ex presidenta do Parlament Carme Forcadell.

Ao saír, foi recibida por ducias de persoas e representantes de partidos, sindicatos e diferentes colectivos, así como pola actual presidenta do  Parlament, Laura  Borràs; e varios consellers.

A continuación, tomou a palabra e lembrou que “nós queremos a amnistía”. Sinalou que “hoxe é un día de alegría, mais non é completa porque o que queremos é o final da represión, que todas as persoas represaliadas poidan saír á rúa libremente e que os exiliados poidan regresar». A seguir, saíron da prisión de  Lledoners o líder de ERC, Oriol  Junqueras; os  ex consellers  Quim  Forn, Josep  Rull, Jordi  Turull e  Raül  Romeva; o president de Òmnium Cultural, Jordi  Cuixart; e o secretario xeral de  Junts, Jordi  Sànchez. Unha vez saíron de  Lledoners, os sete presos do  procés pousaron cunha pancarta na que se podía ler: “Freedom  for  Catalonia”.

Tras recibir o apoio das persoas congregadas no exterior da prisión, entre os que se atopaba o president da Generalitat, Pere Aragonès, dirixíronse aos reunidos.

Na súa intervención, Jordi  Cuixart sinalou que “non existe o indulto que faga calar ao pobo de Catalunya” e asegurou que “hoxe non é un día de renuncia, é un día no que os cataláns nos reafirmamos para seguir loitando. A represión non nos venceu e nunca nos vencerá”.

Pola súa banda, Jordi Sánchez destacou que “hoxe é un grande día para este país, porque a pesar de todo o que a xustiza española e o Estado nos fixo, saímos todos xuntos, dignos e unidos. Non aceptaremos ningún silencio a cambio dos indultos”.

A última en saír do cárcere foi a  ex consellera  Dolors  Bassa. Ela tamén tomou a palabra nada máis abandonar o cárcere, unha intervención na que asegurou que “a represión non acabou, pero este é un primeiro paso”.

Comentarios