xoves 04/03/21

Salvador Illa e Pere Aragonès inician a carreira da investidura

Os candidatos a presidir Catalunya, polo de agora Salvador Illa (PSC) e Pere Aragonès (ERC), comezan  a moverse de cara á investidura. O republicano quere formar Govern con Junts, CUP e Comúns, mais estes últimos xa advertiron que non hai opción a gobernar con Junts, que ao seu tempo só contempla un Govern de independentistas.
O republicano Pere Aragonès, á esquerda, e o socialista Salvador Illa prepáranse para a investidura (Fotos: Europa Press)
O republicano Pere Aragonès, á esquerda, e o socialista Salvador Illa prepáranse para a investidura (Fotos: Europa Press)

Comezan os movementos para conformar o novo Govern de Catalunya, logo de o domingo empataren nas urnas a 33 escanos ERC e o PSC de Salvador Illa, esta última primeira forza en número de votos. O candidato de Esquerra á Presidencia da Generalitat, Pere Aragonès, inicia as negociacións desde unha aposta de máximos: formar maioría coas forzas que defenden o referendo de autodeterminación e a amnistía: Junts, CUP e Comúns.

Pese a Aragonès pór de exemplo que Junts e Comúns poden partillar Govern, xa que nesta lexislatura houbo acordo entre independentistas e Podemos nos orzamentos da Generalitat, o secretario xeral de Junts, Jordi Sànchez, recalcou esta segunda feira, 15 de xaneiro, que o seu espazo traballará só para formar "un Govern independentista". Nese sentido, asegurou que corresponde a Aragonès facer un acordo entre ERC, Junts e CUP que dea lugar a unha maioría soberanista para avanzar na autodeterminación logo de este domingo ter superado por vez primeira nas urnas 50% de votos entre as forzas independentistas. 

Dolors Sabater (CUP) mostrouse disposta a avalar ou entrar no Govern, mesmo con Junts, dependendo das políticas implicadas, e reclama unha folla de ruta vinculante pola autodeterminación. 

A líder de En Comú Podem, Jéssica Albiach, asegurou que o seu partido defende o mesmo en campaña que despois dela, e reiterou que non compartirá Govern con Junts. Volveu apelar Aragonès para conformar un Executivo de esquerdas co PSC e Comúns. 

Illa vai pola Presidencia

O candidato do PSC, Salvador Illa, asegurou esta segunda feira en rolda de prensa que se ve "cómodo" cos Comúns para formar Govern, e considerou que ERC o debería apoiar ao ter gañado as eleccións. O socialista falará con todos, salvo con Vox, e recalcou que se presentará á investidura "por coherencia e convicción. Dixemos aos cidadáns que se eles puñan os votos nós poríamos o cambio, e porémolo". 

A caída de Cs de 30 escanos e que ningún destes for parar o PP, que baixou un, abre unha crise na dereita española, que cuestiona os liderados de Inés Arrimadas e Pablo Casado.

A Fiscalía pide a volta inmediata á prisión dos presos do procès 

A Fiscalía non deixou pasar nin un día desde as eleccións do 14-F en Catalunya e esta segunda feira presentou recurso contra o terceiro grao concedido ás e aos nove presos do procés. Reclama ademais o seu ingreso inmediato en prisión. Os presos independentistas saíron en semiliberdade no inicio da campaña electoral após a Consellaría catalá de Xustiza ratificar a proposta das xuntas de tratamento das prisións, que conforman funcionarios penais e que aseguraron que a evolución penal era positiva.

Porén, a Fiscalía oponse ao réxime de semiliberdade, considerando que o terceiro grao non cumpre cos fins da condena do Tribunal Supremo porque non respectaron a metade da pena nin recoñeceron o delito polo que foron condenados. Agora, dous xuíces penais decidirán se, mentres se resolve o recurso, os independentistas fican en semiliberdade ou se volven á prisión.

comentarios