Unha nova vitoria nas urnas do independentismo en Catalunya. Se nas eleccións de 2017 as forzas soberanistas sumaban 70 deputados e deputadas nun Parlament de 135; nos comicios deste domingo esas tres mesmas forzas (ERC, Junts e CUP) obteñen 74 representantes: 4 máis. O denominado ‘efecto Illa’ deu para aupar os socialistas mais non para derrotar o independentismo.
Un independentismo, ademais, que supera por primeira vez o 50% dos votos. Xa non só, logo, ten a maioría absoluta en escanos senón que tamén a ten en votos, algo cuxa carencia se lle reprochaba con insistencia desde as filas ‘constitucionalistas' ao longo destes anos. Un argumento que, despois do sucedido este domingo, cae. Nunca tivera o independentismo uns resultados tan bos. A perda de 2 escanos por Junts a respecto de 2017 compénsase de sobra co escano que gaña ERC e, sobre tiodo, cos 5 que aumenta a CUP, que duplica representación e logra 9 deputados e deputadas.
Nunca nun Parlament catalá houbo tanto deputado independentista (74 de 135), nin tanto escano de esquerdas (83)
O PSC gañou as eleccións deste domingo no que se refire a ser a candidatura que suma máis votos. Sufraxios que non lle dan para se gabar dunha vitoria propiamente dita (empata a 33 deputados con ERC) e que de pouco lle van valer de se facer efectivo o acordo de todas as candidaturas independentistas de non pactar co PSC. Un documento que ten tamén a sinatura de Esquerra e que fecha a porta en principio a calquera veleidade de repetir un ‘tripartito’ en forma PSC-ERC-En Comú (sumarían 74 representantes). De todas formas, o candidato socialista Salvador Illa xa anunciou na súa comparecencia unha vez finalizado o escrutinio que ía presentarse á investidura para ser presidente de Catalunya. "O cambio chegou para ficar", dixo.
Mais se o pacto co independentismo parece imposíbel para o PSS, se os socialistas miran para a banda non independentista, o escenario é preocupante: Vox arrasa con Cs (perde 30 deputados!) e PP e logra 11 escanos, situándose como os representantes da dereita española en Catalunya.
O 14-F rexistra a participación máis baixa da historia. A participación é do 53,3% do censo, 26 puntos menos que en 2017
En Comú mantén posicións (os 8 representantes que tiña), resistindo así perante as enquisas e sondaxes que auguraban un descense en representación desta formación.
A quen lle dan as contas é ao independentismo. ERC logra 33 representantes (1 máis que en 2017), Junts 32 (2 menos) e CUP atinxe 9 (5 máis). En total, 74, catro máis que en 2017. E este resultado chega ademais avalado polo feito de superar o soberanismo o 50% dos votos.