Rusia informa de que completou o control da República Popular de Lugansk

Segundo o Ministerio de Defensa ruso, avanzou 182 quilómetros cadrados nas últimas 24 horas.

w
photo_camera w

O ministro de Defensa ruso, Serguéi Shoigú, informou este domingo da "liberación" da República Popular de Lugansk, na rexión do Donbás.

Shoigú comunicou que as Forzas Armadas da Federación Rusa, xunto coas unidades da Milicia Popular da República de Lugansk, estableceron o control total sobre a cidade de Lisichansk e as localidades próximas.

“O territorio liberado durante as últimas 24 horas é de 182 quilómetros cadrados”, apuntou.

"Como resultado das exitosas accións ofensivas, as tropas do grupo Centro, baixo o mando do coronel xeral Aleksándr Lapin, tomaron os asentamentos de Verjnekamenka, Zolotariovka, Belogorvka e alcanzaron o río Severski Donets.

Ademais, xunto co grupo de Forzas do Sur, fecharon o anel de cerco arredor de Lisichansk", detallou.

Por outra parte, engadiu que a agrupación militar ucraína está “completamente bloqueada no caldeiro", o que significa en linguaxe militar unha zona onde o inimigo quedou rodeado.

O líder da República Popular de Lugansk, Leonid Pásechnik, ampliou a información ofrecida por Rusia indicando que era algo ao que aspiraban "desde hai oito longos anos".

"Os neonazis ucraínos usaron civís como escudos humanos, por iso tivemos que conquistar, literalmente, cada casa, cada rúa, cada pobo", engadiu.

Comentarios