A tensión entre EUA e Rusia medra proporcionalmente á conta atrás iniciada para a celebración do referendo de autodeteminación en Crimea. O resultado da consulta, fixada para este domingo (16 de marzo), non será recoñecido pola Casa Branca --como xa avanzou o presidente estadounidense, Barack Obama, no encontro que mantivo co primeiro-ministro ucraíno, Arseni Yatseniuk.
Con esta xuntnaza, a administración Obama quixo escenificar o seu apoio ao novo réxime de Ucraína após a destitución do goberno de Viktor Yanukovych. Ao mesmo tempo, serviu para re-posicionar os EUA perante a xuntanza que manterán esta sexta feira o responsábel de relacións exteriores ianqui, John Kerry, e o seu homólogo ruso, Serguéi Lavrov.
Ameazan con sancións a Rusia
Ambos os dous países, abordarán a crise aberta en Ucraína e explorarán vías diplomáticas que rebaixen a tensión na rexión. Porén, as declaracións de Obama --que lanzou varias advertencias ao presidente ruso, Vladimir Putin-- non auguran grandes acordos esta sexta feira en Londres. Neste senso, o líder estadounidense dixo agardar que Putin "estea disposto" a mudar o rumo a respeito da ex-república soviética pois, do contrario --acrecentou-- EUA e a UE "veremonos na obriga de facer que Rusia pague un prezo polas súas violacións do dereito internacional e a invasión" da república autónoma ucraína de Crimea.
A estas advertencias lanzadas por Obama tamén se sumaron os países que integran o G-7 (Canadá, Francia, Alemaña, Italia, Xapón e Reino Unido) que ameazan a Rusia con sancións económicas.