Rusia acusa os Estados Unidos de "desestabilizar" o sector da enerxía coa última rolda de sancións
As sancións coercitivas anunciadas polos Estados Unidos a semana pasada “só poden conducir a unha certa desestabilización dos mercados de enerxía internacionais”, remarcou a segunda feira o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov.
En todo caso, ficou “demostrado repetidamente que as rutas naturais de subministración de enerxía non se poden cortar desa maneira”, e “cando algo se corta nun lugar aparecen opcións alternativas noutro”, incidiu Peskov.
O paquete de sancións estadounidense, asinado polo presidente Joe Biden nas últimas xornadas do seu mandato e antes de que Donald Trump volva á Casa Branca, inclúe Gazprom Neft e Surgutneftegas, que producen e venden petróleo, así como filiais e 183 buques que o transportan polo mundo, no que para Daleep Singh, asesor económico e de seguridade nacional da Administración do país americano, constitúen as “sancións máis significativas até o de agora contra o sector de enerxía ruso”.
O certo é que a medida impulsou a segunda feira a suba do prezo do barril de petróleo Brent até 81,60 dólares estadounidenses (case 80 euros), o nivel máis alto desde mediados de xullo de 2024.
Aínda que a Axencia Internacional da Enerxía calculou que non haberá problemas de subministración ao longo de 2025, fixo énfase en que “persisten riscos xeopolíticos que poden impactala con pouco ou ningún preaviso”.
O anuncio estadounidense produciuse menos de dúas semanas despois da fin do tránsito de gas natural ruso á Unión Europea (UE) a través de Ucraína, que rexeitou renovar un acordo con Moscova de 2019. Malia que se mantén a subministración de gas ruso á UE pasando por Turquía primeiro e os Balcáns despois, isto supuxo unha alza no prezo, e afectou fóra do bloque principalmente Transnistria, que depende do paso do gas por Moldova e que está case que paralizada por esta situación.
Ao respecto, as Forzas Armadas rusas denunciaron un intento ucraíno de atacar con drones unha estación de distribución de gas en Krasnodar, no sueste ruso, integrada no gasoduto TurkStream, que permite manter a subministración á UE.
Os militares rusos informaron de que non houbo persoas feridas. Amais, o funcionamento da estación non se viu afectado.
A pesar das sancións occidentais contra Moscova, os ingresos pola venda de carbón, petróleo e gas natural ruso desde a invasión de Ucraína superan os 820.000 millóns de euros. Deles, 212.000 millóns procederon da UE.