“A resolución do conflito vai máis aló” dos indultos, defende Pere Aragonès

O novo presidente catalán, Pere Aragonès, encara no mes de xuño unha xuntanza con Pedro Sánchez para preparar a mesa de diálogo bilateral, na que aclara que terá que falarse de amnistía e autodeterminación.
Pere Aragonès nesta sexta feira recibindo a equipa feminina do Fútbol Club Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Pere Aragonès nesta sexta feira recibindo a equipa feminina do FC Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O presidente da Generalitat Pere Aragonès pediu deixar de especular cos indultos ás presas e presos políticos cataláns, “cada vez que pasou e non se produciron os indultos, houbo máis dor por parte das familias e dos presos”, sinalou esta sexta feira aos medios estatais.

Malia que se finalmente se concede a medida de graza apuntou que a recibirá con satisfacción, Aragonès aclarou que “a resolución do conflito vai máis aló” e que “no ámbito da represión precísanse medidas moito máis amplas”, como a amnistía e a autodeterminación do pobo catalán.

Oriol Junqueras e mesa de diálogo

Na xuntanza acordada onte con Pedro Sánchez para xuño, preámbulo da reactivación da mesa de diálogo bilateral Estado-Catalunya, o president salientou que van trasladar a súa vontade de diálogo e de negociación.

Nesa mesa de diálogo tamén ten que estar Oriol Junqueras, ex vicepresidente da Generalitat e presidente de Esquerra Republicana de Catalunya, defendeu Aragonès, que considera que “na solución terían que implicarse dunha ou outra maneira as persoas represaliadas, especialmente os dirixentes que están na cadea”.

No que atinxe ao debate no interior do independentismo, explicou que a súa intención é artellar un “independentismo inclusivo, que ofreza máis dereitos”, como alicerce da futura República catalá.

O debate sobre os indultos

Aragonès tamén abordou a situación xerada pola previsible concesión dos indultos por parte do Goberno estatal, indicando que “calquera paso que se leve a cabo para canalizar o conflito, sacalo dos tribunais e canalizalo politicamente, sempre vai sei rexeitado pola dereita e ultradereita española”.

Organizacións de todo o espectro da dereita, incluíndo a extrema dereita, están convocadas o 13 de xuño a unha manifestación na praza de Colón de Madrid contra os indultos ás presas e presos políticos cataláns.

Comentarios