Pedro Sánchez dá a entender no Congreso que apoiará os indultos

A sesión de control ao Goberno do Estado no Congreso de hoxe xirou arredor da posibilidade de que as presas e presos políticos cataláns sexan indultados, enfurecendo o PP, que advertiu da presentación de toda clase de recursos para frear a medida, que aínda non ten data marcada para anunciarse.
Pedro Sánchez durante a intervención na sesión de control ao Goberno do Estado de onte. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez durante a intervención na sesión de control ao Goberno do Estado. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)

A decisión vai ser “a favor da convivencia” porque “hai un tempo para o castigo e outro para a concordia”, sinalou Pedro Sánchez, presidente do Estado, na sesión de control no Congreso desta cuarta feira, sobre os indultos que o Executivo español valora conceder ás presas e presos políticos cataláns.

A sesión foi un novo capítulo da estratexia de confrontación posta en marcha polo Partido Popular (PP) contra o Goberno español desde que se coñeceron os resultados das eleccións na Comunidade de Madrid do pasado 4 de maio.

En principio, a pregunta do PP, "Está o Goberno defendendo os intereses do noso país?", ía orientada a cuestionar o papel do Estado na crise migratoria da semana pasada en Ceuta.

Porén, Casado lanzouse desde o comezo a atacar a posibilidade de que o Goberno estatal dea luz verde aos indultos, acusando Sánchez de estar pagando aos seus socios “secesionistas” por “metelo na Moncloa”.

Informe do Supremo

O informe da sala do Penal do Tribunal Supremo, dirixida por Manuel Marchena, sobre os indultos ás presas e presos políticos cataláns considera que non se tería que conceder ningunha clase de indulto -total ou parcial- a ningunha das doce persoas xulgadas e condenadas por organizar un referendo de autodeterminación en Catalunya.

Xustifícanse en que non hai proba de arrepentimento, en que non se vulnerou o principio de proporcionalidade das penas ao comparalas coa contorna -a pesar de que ningún tribunal europeo permitiu extraditar persoas exiliadas ás que se pretendía xulgar- ou en que as peticións de indulto falaban de  “presos e presas políticas”.

Máis de 10.000 indultos desde 1996

Desde 1996 o Executivo do Estado concedeu 10.652 indultos, a metade dos cales se deron durante a etapa de José María Aznar á fronte, de feito, á meirande parte dos indultos dados en caso de corrupción corresponden a esta época.

Comentarios