Informe anual sobre emisións do Programa da ONU para o Ambiente

A 'recuperación verde' da pandemia podería diminuír a velocidade do cambio climático

Non lle restan moitas oportunidades á humanidade para asegurar a súa supervivencia no vindeiro século. O cambio climático acelérase coa acción humana, con consecuencias que farán case inhabitábel o planeta. Só a acción desde os Gobernos pode reverter a situación, e no regreso a 'outra normalidade' pode estar a chave.
O informe do UNEP deste ano puxo o foco no transporte marítimo e aéreo de bens e de persoas. (Foto: ONU)
photo_camera O informe do UNEP deste ano puxo o foco no transporte marítimo e aéreo de bens e de persoas. (Foto: ONU)

Aínda estamos a tempo. Unha firme e rápida acción climática podería deter a traxectoria da temperatura global no planeta. Asegúrao o Programa das Nacións Unidas para o Ambiente (UNEP, nas siglas en inglés) no seu informe anual Fenda de Emisións 2020 presentado o pasado 9 de decembro. Mais de non ser así, a cantidade de gases de efecto invernadoiro que chegan a atmosfera como consecuencia da actividade humana pon o planeta no camiño dun aumento da temperatura de 3,2ºC no que resta de século. 

O informe abonda na idea de que son necesarios máis investimentos para achegarse aos niveis estabelecidos no Acordo de París. Isto é, un aumento máximo de 2ºC, co obxectivo primordial de facer todo o posíbel para non superar o limiar dos 1,5°C. 

Porque aínda cumprindo os compromisos a nivel interno dos Estados, os obxectivos estarían lonxe de alcanzarse, deixando un planeta que sería en gran parte inhabitábel, provocando migracións masivas e quedando menos recursos para unha maior poboación mundial en constante e imparábel crecemento.

Actualmente, ademais, 1% da poboación máis rica no mundo produce máis do dobre das emisións que 50% da poboación máis pobre. Só os Estados membros do G20 ─o grupo dos países máis poderosos do mundo─ producen case 80% das emisións globais de efecto invernadoiro.

Porcentaxes de vida

Por iso, neste momento chave da humanidade despois do toque de atención que supuxo o salto do novo coronavirus ao ser humano e a súa posterior expansión por todo o planeta, a directora executiva do UNEP, Inger Andersen, quixo salientar que unha verdadeira 'recuperación verde' pode eliminar "unha gran porción das emisións de gases de efecto invernadoiro" e diminuír a velocidade do cambio climático

"Urxo os Gobernos a apoiaren unha recuperación verde na próxima fase das intervencións fiscais pola Covid-19 e a incrementaren significativamente as súas ambicións climáticas para o ano 2021", manifestou. 

Porque segundo recolle o informe Fenda de Emisións 2020, estímase que esta 'recuperación verde' podería recortar en 25% a cantidade de CO2 e doutros gases de efecto invernadoiro que se agardan para 2030, con base nas dinámicas previas á pandemia.

En concreto a cifra baixaría a 44 GtCO2e (xigatoneladas de dióxido de carbono equivalente) no canto da prevista de 59 GtCO2e. Isto resultaría en 66% de probabilidades de manter o aumento da temperatura por baixo dos 2°C ─cumprindo o estabelecido no Acordo de París─, aínda que sería insuficiente para alcanzar a meta dos 1,5°C.  

O apoio ás tecnoloxías e infraestruturas que facilitan a neutralidade de carbono, a redución de subvencións aos combustíbeis fósiles, parar a construción de novas plantas de carbón, ou promover a restauración das contornas naturais e a reforestacións son algunhas das medidas que o informe apunta como esenciais nesta chamada 'recuperación verde'.

Como dato positivo, o UNEP sinala que até o momento actual 126 Estados do mundo ─causantes de 51% de todas as emisións de gases de efecto invernadoiro─ comprometéronse ou anunciaron ou valoran o obxectivo de conseguir a neutralidade de carbono para o ano 2050. 

Transporte aéreo 

O informe Fenda de Emisións céntrase cada ano en determinados sectores. En 2020, o UNEP puxo o foco no transporte marítimo e aéreo de bens e de persoas. Neste sentido o documento recolle a necesidade de desenvolver melloras tecnolóxicas para unha maior eficiencia de barcos e de avións no consumo de combustíbel. Non obstante, céntrase en remarcar que ante o continuo aumento da demanda cómpre unha rápida transición cara ao uso de enerxías alternativas.

No mesmo sentido, apúntase a necesidade de mudanzas no comportamento tanto das empresas como das persoas físicas. Por exemplo, substituír os voos domésticos por viaxes en ferrocarril; promover o uso da bicicleta e do coche compartido; construír edificacións máis eficientes enerxeticamente; e reducir notabelmente a cantidade de desperdicios de alimentos.
 

Comentarios