Colombia volve saír á rúa contra o Goberno de Duque

Manifestacións continuas desde o 28 de abril.
EuropaPress_3713208_15_may_2021_colombia_bogota_protesters_take_part_in_march_during_the
photo_camera Manifestantes nunha das protestas na cidade de Bogotá (Foto: Daniel Garzon Herazo / ZUMA Wire)

Desde diferentes cidades de Colombia, miles de persoas saíron ás rúas esta cuarta feira para protestar contra o Goberno de Iván Duque, logo de que as negociacións co Comité Nacional de Paro (CNE) continúen estancadas, informou Telesur.

O CNE, que aglutina sindicatos e organizacións civís, entre outros grupos sociais, convocou numerosas manifestacións pacíficas en territorio colombiano.

"Todas e todos á rúa, coa nosa bandeira e a cazola, con estrito cumprimento das normas de bioseguridade", indicaron os organizadores. Estes chamaron os manifestantes á "marcha do millón" nas principais cidades do país, coa meta de aglutinar ese número de persoas nas protestas. Ademais pediron que se realicen en orde e sexan pacíficas, ao final da extensa reunión que mantivo xunto aos mediadores estabelecidos pola Conferencia Episcopal e a ONU.

Tamén propuxo que, entre as demandas, estean as de "resolver todos os problemas de carácter social que teñen os colombianos e a axenda do comité nacional de paro a través do prego nacional de urxencia; a derrogación do decreto 1.174, a retirada do proxecto de lei 010 e que se brinden todas as condicións e garantías para poder instalar unha mesa de negociación co Goberno nacional".

En Bogotá, varias organizacións convocaron unha mobilización artística no Portal Américas desde as 12.00 horas. Tamén houbo concentracións en Medellín, Cali, Barranquilla, Manizales, Cártago, Bucaramanga, Villavicencio, Santander, Neiva, Bucaramanga, entre outros lugares nos que houbo marchas de protesta.

No marco das mobilizacións, os convocantes aseguraron que o mandatario Iván Duque fixo unha "declaración de guerra" contra a protesta que se iniciou o pasado 28 de abril.

Morte de Santrich

Por outra banda, a dirección de Segunda Marquetalia, disidencia da extinta guerrilla das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC), confirmou hoxe a morte de Jesús Santrich a mans do Exército colombiano.

Segundo o texto, unha vez que o líder das disidencias das FARC estaba xa morto, "os asasinos rabenáronlle o dedo maimiño da súa man esquerda. Uns minutos despois, cerca do lugar, rapidamente os comandos foron extraídos nun helicóptero de cor amarela rumbo a Colombia".

Comentarios