Chaman a declarar 10 militares colombianos polos falsos positivos

Despois de imputación de 25 militares e un civil en xuño polos asasinatos extraxudiciais coñecidos como falsos positivos, a Xurisdición Especial para a Paz chama a declarar 10 oficiais castrenses.
Cartaz cos acusados de xerar falsos positivos. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Cartaz cos acusados de xerar falsos positivos. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

Tres xenerais, seis coroneis e un maior do Exército de Colombia foron chamados a declarar pola Xurisdición Especial para a Paz (XEP), que investiga os casos de falsos positivos, como se denominan no Estado americano os asasinatos que se presentan como baixas en combate de guerrilleiros.

A institución xudicial, creada polos acordos de paz entre as Forzas Revolucionarias de Colombia e o Goberno en 2016, dividiu a investigación do caso 03, dedicado a estes delitos, en seis pezas prioritarias, entre as que se atopa a do departamento Huila, na rexión andina, na que se insire o chamamento a declarar aos militares da IX Brigada do Exército Nacional realizado na madrugada da segunda á terza feira (hora galega).

As dilixencias referentes á declaración voluntaria dos mandos castrenses decorrerán a partir do 12 de outubro e rematarán o 17 de novembro.

Segundo os datos da XEP, os xenerais Miguel Ernesto Pérez Guarnizo, William Fernando Pérez Laiseca e Jaime Alfonso Lasprilla Villamizar eran os comandantes da Brigada que operaba en Huila entre 2004 e 2008. Este último, xa fora acusado por presentar civís como caídos en combate, sinala o xornal El Tiempo.

Os outros oficiais convocados estaban baixo o seu mando. Trátase dos coroneis Pedro Iván Molina Hidalgo, Oswaldo Peña Bermeo, Luis Armando Gómez Ruge, Hernando Chávez Muñoz, Rubiel Enrique Pérez Rodríguez e Ariel Gustavo Vargas Solano, así como o maior das Forzas Armadas Alexander Céspedes Ortiz.

A decisión da XEP parte dun informe redactado pola Fiscalía Xeral da Nación sobre “mortes ilexitimamente presentadas como baixas en combate por axentes do Estado” -no que se recolle os crimes dos que son acusados os Batallóns de Infantería 26 e 27, da IX Brigada-, acompañado das recompilacións de información sobre execucións extraxudiciais de organizacións sociais.

Na peza que atinxe ao departamento Huila, xa compareceron once coroneis e outros dous xenerais, Marcos Evangelista Pinto Lizarazo e Édgar Alberto Rodríguez Sánchez.

O 6 de xuño, a XEP fixo pública a imputación de 10 militares e dun civil polos casos de falsos positivos en Catatumbo, no departamento de Norte de Santander (fronteira con Venezuela), pola súa implicación no asasinato de cando menos 120 persoas.

Outros 15 militares recibiron a imputación unha semana despois pola súa participación na execución de 127 persoas, na rexión Costa Caribe de Colombia.

Comentarios