Putin ampara o referendo de Crimea e alega que o avala a "lei internacional"

Non arrefece a temperatura na Ucraína e sobe de ton por momentos o confronto entre o bloco EUA-UE e Rusia polo control dun enclave xeoestratéxico esencial para o dominio de Europa.

mani
photo_camera Manifestación pro-rusa en Donetsk

O referendo de Crimea, axendado para o vindeiro domingo 16 de Marzo, acha amparo na legalidade internacional, enfatizou o presidente de Rusia, Vladimir Putin.

Na consulta, @s cidadáns crime@s -a maior parte deles de orixe rusa- decidirán se a república autónoma continúa a integrar o estado de Ucraína ou, se pola contra, se incorpora á Federación Rusa.

A maior parte das forzas políticas crimeas son partidarias desta segunda opción. En realidade, o referendo ía ser en primeira instancia unha consulta sobre se Crimea debía constituír un non un Estado independente, mas nas últimas semanas, ao recruar o confronto aberto con Kiev, as forzas con representación no Parlamento crimeo optaron por modificar o conteúdo da pergunta do referendo e por o focar na permanencia no Estado da Ucraína ou na eventual integración na Federación rusa.

Este domingo 9 de Marzo, Vladimir Putin aproveitou un contacto telefónico coa chanceler alemá, Angela Merkel, para patentizar o seu respaldo ao referendo crimeo, tido por ilegal polas novas autoridades de Kiev.

O novo primeiro ministro ucraíno, Arseny Yatseniuk, viaxará esta cuarta feira a Washington

Portavoces do Kremlin filtraron que na conversa con Merkel Putin atacou con dureza o novo governo ucraíno por non facer nada para frear "o comportamento descontrolado" dos grupos parafascistas de ideoloxía nazi nos territorios rusófonos de Ucraína.

Advertencia de John Kerry

Os EUA, mentres, elevan o volume do seu discurso, mesmo evocando os tambores de guerra. Nese sentido, o secretario de Estado norteamericano, John Kerry, advertiu o seu homólogo ruso, Sergei Lavrov, que "calquer paso na dirección de Rusia anexionar Crimea non deixaría ningún espazo para a diplomacia".

En troca, William Hague, o ministro dos Exteriores británico, afastou explicitamente a hipótese dun conflito armado con Rusia, e situou as eventuais represalias no campo das sancións económicas a Moscova que, iso si, resaltou, serían "moito duras".

En todo caso, é ben fixarse máis na posición de Kerry do que na de Hague. A influencia dos EUA sobre o novo goberno de Kiev é indubidábel, até o ponto de que esta cuarta feira viaxará a Washington o novo primeiro ministro ucraíno, Arseny Yatseniuk, para manter contactos de alto nível coa Administración Obama, sen que se desbote que mesmo se entreviste co presidente norteamericano.

Comentarios